O concurso Galileo Masters distinguirá as mellores ideas no desenvolvemento de satélites

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo impulsan -coa Axencia Espacial Europea, o Centro Aerospacial Alemán, o Ministerio alemán de Transportes e Infraestruturas Dixitais e o proxecto europeo BELS- o concurso europeo de navegación por satélite Galileo Masters, que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións neste campo que incidan de forma positiva na vida cotiá dos europeos.

A iniciativa conta con premios rexionais e internacionais, aos que o Goberno galego suma un galardón específico no campo dos avións non tripulados e as súas aplicacións no ámbito civil, que poñen en marcha da man dos seus socios no polo de Rozas (Indra e Inaer). Ademais, o gañador terá a oportunidade de ser preseleccionado para a rolda anual de investidores na aceleradora ViaGalicia.

"O Consorcio premiará ao gañador rexional de Galicia cun ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca de Vigo, o que inclúe ademais do espazo físico, asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, coaching de negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica,", destacou durante a presentación Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo.

Pedrosa subliñou que "a colaboración entre a Xunta e o Consorcio da Zona Franca está realmente a axudar a impulsar un sector de gran futuro para Galicia. A Xunta, dende Rozas, e Zona Franca, dende o parque empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, estamos a levar a cabo iniciativas complementarias cuxos resultados veremos nun prazo curto de tempo".

Os gañadores dos premios rexionais e especiais concorrerán polo premio internacional. Este ano, en total, repartiranse máis dun millón de euros en premios. Esta é a segunda participación de Galicia no concurso, despois de que o ano pasado ocupase a undécima posición de 24 rexións participantes. Dúas ideas galegas quedaron finalistas dos premios internacionais outorgados pola Axencia Espacial Europea e a Axencia Europea de Navegación Vía Satélite, mostrando a capacidade innovadora dos emprendedores da comunidade.

(Fonte: Innovamás)