Facebook, con 12 operacións, foi o maior comprador de novas empresas durante o último ano, seguida de Twitter, con oito, Yahoo, con seis; Google, con cinco, e airbnb con dous. As últimas adquisicións foron realizadas por Yahoo coa compra de Summly, unha empresa que ofrece un resumo de noticias creada por un novo británico de 17 que se convertía en millonario tras recibir 30 millóns de dólares e empregado de Yahoo. E Linkedin, que despois de comprar o lector de noticias Pulse hai uns meses, adquiriu Maybe, unha pequena start-up de San Francisco do ámbito das enquisas online. En todos os casos, non se trataba só de adquirir o produto, senón todo o equipo humano que desenvolve a idea.
O rápido crecemento destas operacións está moi ligado á situación do emprego en Silicon Valley, onde o número de enxeñeiros dispoñibles non é suficiente para responder ás necesidades de man de obra das grandes empresas tecnolóxicas. A compra de start-up axuda a paliar o problema.
Non obstante, a práctica destas acqui-hires tamén xera polémica. Segundo o informe de Privco, na maioría de operacións o comprador pecha o negocio unha vez adquirido, o que supón rematar coa competencia antes de que sexa demasiado grande. Dende o punto de vista financeiro, os investidores das start-up que contribuíron á súa posta en marcha tamén poden ver minguados os seus rendementos ao non permitir á empresa aumentar de tamaño.
A tendencia é que esta práctica continúe porque os mellores enxeñeiros se converten en empresarios, crean o seu propio negocio e non é doado contratar os mellores profesionais no mercado libre.
(Fonte: media-tics)