As compañías petroleiras buscan cru con Google Cloud

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Anadarko, unha das maiores empresas de exploración e produción de cru de Estados Unidos, asinou unha alianza coa filial de Alphabet para analizar grandes volumes de datos sísmicos para localizar petróleo e aumentar a eficacia das súas actividades.

Google e Anadarko Petroleum, unha das maiores compañías de exploración e produción de EEUU, recorreron á intelixencia artificial para analizar grandes volumes de datos sísmicos para localizar petróleo, sacar partido da súa produción e incrementar a eficacia das súas actividades.

Google Cloud, filial de Alphabet, sumouse a outras compañías alleas á industria enerxética como Microsoft e Amazon, que ofrecen servizos a produtores de gas e de petróleo baseados en datos. Darryl Willis, vicepresidente de gas, petróleo e enerxía de Google Cloud, dixo que a compañía está a sacar rendemento ao potencial da súa tecnoloxía con certo atraso fronte a algúns dos seus competidores, pero crece a gran velocidade. "A industria do gas e do petróleo ten moitos datos, o que supón unha enorme oportunidade".

Willis incorporouse a Google en marzo tras pasar 25 anos en BP, cando a compañía se empezou a centrar na industria enerxética como negocio. Tamén traballa con empresas como Schlumberger, o maior grupo de servizos de depósitos petrolíferos do mundo, Total e Chevron.

Dende a década dos 50, a industria petroleira utilizou as últimas tecnoloxías para atopar e producir recursos, aínda que quedou por detrás doutros sectores no uso da informática na nube que facilita o almacenamento e a análise de enormes volumes de datos. Ao Walker, conselleiro delegado de Anadarko, asegurou o ano pasado: "Teño terabytes de datos sísmicos, aínda que é probable que use o 5% desa información".

O acordo da compañía con Google é un intento de atopar unha solución a ese problema. Sanjay Paranji, que o mes pasado asumiu o cargo de director tecnolóxico de Anadarko, asegurou que a plataforma na nube facilitaría a análise de grandes volumes de datos en formas inimaxinables hai cinco anos.

Por exemplo, os plans de Anadarko de utilizar a IA para analizar datos sísmicos farán que se tomen mellores decisións sobre os lugares máis convenientes para perforar. Bruce McCullough, director de informática de Marathon Oil, outra grande empresa estadounidense de exploración e produción, dixo a principios de mes que os volumes de datos dispoñibles supoñen un cambio revolucionario na industria. "A novidade é o nivel de detalle da tecnoloxía de sensor á que xa podemos acceder e que nos permite descifrar cal é a mellor forma de procesar datos para tomar decisións en tempo real", explica.

Relación

A tecnoloxía tamén creou unha nova relación entre as empresas produtoras, os seus subministradores tradicionais e os grupos informáticos que carecen de experiencia en gas e petróleo. O ano pasado, Microsoft aliouse co grupo de servizos Halliburton para aplicar tecnoloxías á exploración e produción de gas e petróleo.

En setembro, Amazon fixo unha serie de presentacións en Houston para explicar os usos da súa plataforma de cloud computing Amazon Web Services na industria do gas e o petróleo. Tamén hai empresas de recente creación especializadas en análise de datos para sectores como o enerxético e o manufactureiro.

(Fonte: Expansión)