A Comisión Europea financiará os ensaios en animais da vacina galega contra o virus

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O proxecto liderado desde Galicia para a creación dunha vacina contra o coronavirus SARS-CoV-2 avanza e consolídase. Acaba de recibir o apoio da Comisión Europea, a través da European Vaccine Initiativa, que se encargará de financiar os ensaios preclínicos en animais de laboratorio. Desta forma, o proxecto apoiado no seu inicio polo Instituto de Salud Carlos III, do Ministerio de Ciencia, vai sumando novos apoios, xa que tamén hai que sumar a achega privada recibida por parte do Banco Santander e da asociación CRUE Universidades españolas, en colaboración tamén co grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola do Centro Nacional de Biotecnología.

O equipo galego que lidera a iniciativa está dirixido polo investigador José Martínez Costas, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago (Ciqus). Para realizar os ensaios clínicos en animais, conta coa colaboración imprescindible do grupo liderado por Javier Ortego no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA-INIA) de Valdeolmos (Madrid), xa que en Galicia non existe ningún laboratorio de máxima seguridade biolóxica P3 no que se poidan infectar animais con virus vivos.

Os ensaios realizaranse nun principio con ratos normais, que non se infectan co coronavirus, aínda que tamén se esperan levar a cabo con roedores humanizados aos que se lles habilitará o receptor humano ACE2, a vía de entrada do patóxeno nas células. Para este traballo tamén se contará coa colaboración do centro alemán HZI.

Tecnoloxía innovadora

Os investigadores galegos traballan desde abril no desenvolvemento da vacina a partir dunha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite obter resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.

Esta tecnoloxía, que agora se probará fronte ao SARS-CoV-2, permite producir vacinas contra calquera patóxeno. “Facemos que células de calquera orixe fabriquen microesferas e introduzan dentro delas os axentes víricos”, explica José Martínez Costas. Estas partículas, segundo apunta o científico, “purifícanse moi facilmente e teñen capacidade intrínseca para estimular o sistema inmune, o que as converte en ideais como vacinas para o coronavirus, doenza que afecta principalmente a persoas de idade avanzada cuxo sistema inmune adoita estar debilitado”.

O financiamento da Comisión Europea supón, a xuízo de Martínez Costas, “un importante impulso ao noso traballo”. Durante os últimos dous meses os científicos realizaron varias versións das microesferas que introducirán nas células o antíxeno a través do que o organismo ofrecerá unha resposta inmune fronte ao virus. As microesferas obtidas vanse caracterizar previamente en soro de pacientes que cedeu o HULA lucense.

Fonte: La Voz de Galicia