Comeza a funcionar o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Lugo situouse como provincia pioneira na innovación dedicada integramente á sociedade. Recentemente, a Deputación lucense puxo en marcha o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, coñecido como In Lugo. O centro quere converterse nunha experiencia referente a nivel nacional e internacional en innovación aberta.
 
Este novo organismo servirá para desenvolver e probar produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas, especialmente persoas maiores e dependentes. Para a súa posta en marcha contouse co asesoramento do Citilab de Cornellá (Barcelona), á vangarda neste tipo de proxectos por ser o primeiro laboratorio dixital cidadán de Europa. 
 
O centro In Lugo funcionará coa metodoloxía dos ‘living labs’, plataformas de investigación nas que traballan conxuntamente asociacións públicas e privadas, universidades, institutos e cidadáns particulares, para experimentar cos produtos e conseguir que se adapten o mellor posible ás necesidades sociais. Trátase de que todos estes actores colaboren na creación, deseño de prototipos, validación e proba de novos servizos, artigos e sistemas en contextos da vida real.
 
Un Centro de Innovación Social é precisamente unha entidade experimental e dedicada ao coñecemento para a xeración de proxectos innovadores que favorezan o benestar social, normalmente mediante o uso das novas tecnoloxías. O principal obxectivo que persegue este proxecto é o impulso dun modelo de crecemento social baseado nas TIC, como instrumento para a promoción da igualdade social e da calidade de vida dos cidadáns, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos, buscando respostas válidas para os problemas individuais da nosa realidade social.
 
O centro xerará un espazo físico e virtual, adecuado para formar parte da rede de ‘living labs’ europeos, para o desenvolvemento de proxectos TIC destinados aos colectivos con maiores dificultades de acceso á Sociedade da Información. In Lugo quere converterse así nunha experiencia referente a nivel nacional e internacional en innovación aberta, cunha infraestrutura de última xeración en canto a equipamentos e tecnoloxías incorporadas.
 
O cidadán no centro da I+D+i
 
In Lugo desenvolve unha metodoloxía de traballo que sitúa ao cidadán no seu núcleo central. Así, pretende poñer en práctica un modelo de Sociedade do Coñecemento no que desenvolvemento económico e cohesión social camiñen da man e que, ademais, se aborden desde a óptica local.
 
Esta organización entende que os cidadáns son capaces de xerar innovación por eles mesmos, sempre que se lles proporcionen as ferramentas e a contorna adecuados. Por iso, o centro convida a todas as persoas a que colaboren estreitamente nas súas iniciativas, trasladando as súas preocupacións, necesidades, ideas e propostas de solución, de tal modo que adquiran un rol activo no proceso de innovación e creatividade. Neste sentido, In Lugo basea o seu I+D+i no coñecemento compartido e nunha aprendizaxe permanente, sen fronteiras xeográficas, físicas nin de pensamento.
 
(Fonte: Innovamás)