Coasa especializa a trinta mozos en fabricar pezas para avións

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Ourense gañou o seu oco no mapa do sector aeronáutico en España. A nivel formativo, vencéllase á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e de Espazo do Campus de Ourense. Con todo, a canteira de enxeñeiros do sector non é a única vía para lograr un traballo no mesmo. No Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, atópase o denominado Centro de Estudos Aeronáuticos. Trátase dun espazo formativo situado a escasos metros da fábrica de Coasa, tamén na Tecnópole, e que se converteu na principal canteira da que tira a empresa do grupo Aernnova para contratar a operarios que se encarguen da elaboración das distintas pezas e compoñentes que se fabrican en Ourense e que acaban en avións de diferentes compañías, como é o caso de Airbus ou Boeing.

Como funciona este centro formativo? Está vencellado aos cursos de formación da Xunta e un dos principais requisitos é que os alumnos teñen que estar desempregados. O módulo ten unha duración de cinco meses, con 580 horas de formación, máis a práctica en empresa. Aínda que é independente á sociedade Coasa, a súa vinculación é evidente e, de feito, varios dos profesores que imparten clases aos alumnos son enxeñeiros da compañía aeronáutica. «Coasa quería ter un centro de formación próximo que implique á xente da zona e que xerase estabilidade. Tamén querían que toda esa distorsión que produce xente nova en fase de aprendizaxe se trasladara fóra da fábrica», explica Miguel Brunete, director do centro.

As instalacións levan operativas desde hai cinco anos e funcionaron con éxito, tanto para os alumnos como para a compañía. E é que antes da súa apertura, Coasa tiña dúas vías para lograr empregados cunha formación específica como a que demanda a súa liña de produción: xente de fóra con experiencia e que en canto tiña unha oferta mellor se ía ou traballadores locais sen formación e que demandaban un maior investimento a todos os niveis. «O curso reproduce completamente o proceso de produción de Coasa: laminado manual e automático, mecanizado, verificación e curado dos compoñentes aeronáuticos. O alumno ve completamente o proceso de produción», sinala Miguel Brunete.

O Centro de Estudos Aeronáuticos da Tecnópole ten tres sedes en España. Os outros dous atópanse en Illescas (Toledo), onde Airbus ten a súa base de operacións. «O perfil de alumnos que temos é xente que está desempregada e que vén aquí, e se cadra non realizou unha FP de mecánica pero ten unhas habilidades manuais moi boas. Hai xente que traballa en Coasa e que non tocara antes un material para fabricar pezas de avión na súa vida», explica o director do centro.

O reto que se marca esta escola é o de realizar tres cursos anuais, cuns 16 alumnos en cada un, xa que entenden que sería suficiente para cubrir a demanda da empresa aeronáutica. Este ano formaranse 30 persoas. «É un momento crítico, porque a demanda de traballo en Coasa está a medrar e xa chamaron a todos os que se formaron aquí e necesítase a máis xente», sinala.

As instalacións contan cunha zona de taller duns 180 metros cadrados co necesario para a aprendizaxe. Os perfís máis demandados deste programa formativo son os de operarios de laminado de pezas ou de verificación das mesmas.

Fonte: La Voz de Galicia