Coasa aumenta un 18% o seu equipo para os novos programas do A350

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Fai un ano, o equipo de Coasa vivía con preocupación un ERE extintivo que afectaba a 37 traballadores, case o 15% do total, e o comité de empresa alertaba sobre un posible desvío de produción cara á factoría do grupo Aernnova en Illescas (Toledo). Doce meses despois, a fábrica galega con sede en Tecnópole atópase en plena fase expansiva, con novas liñas de produto, contratacións en bloque, aumentos de facturación e excelentes expectativas "para a consecución de novos paquetes de traballo actualmente ofertados e en proceso de adxudicación", avanzan dende a dirección da compafiía.
 
A fase actual de incorporacións de persoal fará que, a finais de xuño, a planta conte cun total de 311 traballadores, fronte a 263 de media anual en 2010. Con esta ampliación, Coasa quere asegurar as entregas dos 200 part numbers que xa está fabricando para o Airbus A350, en concreto para o estabilizador horizontal (HTP) e para o elevador.
 
Este recente contrato, unido ao aumento nos niveis de produción dos programas previos con Airbus e con outros construtores, impulsarán este anno a cifra de negocio da factoría ourensá ata un máximo histórico de 34,2 millóns de euros, un 5,7% máis que ao peche de 2010 (32,4 millóns). Se se cumpren as previsións, en só dous anos, entre 2009 e 2011, a facturación crecerá un 71,7%.
 
En 2010, a recuperación xeneralizada do sector aeronáutico e os novos programas que Aernnova derivou cara a súa fábrica de Galicia, traducíronse nun exercicio excepcional. O crecemento interanual superou o 64% e a diferenza neta de vendas elevouse a 12,5 millóns.
 
Dende o equipo directivo de Aernnova precisan que a resolución, a finais do ano pasado, do conflito social que afectou a Coasa durante case medio ano, foi decisiva para lograr un cambio de tendencia tan marcado, xa que "nos permitiu acceder con garantías de cumprimento á fabricación de novos programas, como o A350".
 
Subministrador único
 
A empresa tamén se viu moi beneficiada pola implantación do programa de MLGD do Airbus A330/340, que se iniciou en 2009. As instalacións situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia son as únicas do mundo que producen as portas do tren principal de aterraxe para este modelo do consorcio europeo, xa que Coasa actúa como subministrador único destas pezas.
 
A propia empresa resalta que as boas expectativas comunicadas por Airbus nos seus sucesivos forecast para 2011 e anos posteriores na práctica totalidade dos seus programas, consolidan un cambio positivo en toda a rede de provedores.
 
Por outra parte, a operación corporativa na que se acha inmerso todo o grupo, e consistente na anunciada entrada do fondo soberano Mubadala no capital social de Aernnova cun paquete maioritario, está chamado a ter un efecto positivo para a fábrica galega, ao dar apoio financeiro ás operacións de internacionalización. Con todo, dende a sede central do grupo evitan realizar calquera valoración sobre futuras repercusións en fábricas concretas.
 
Oito meses a 'velocidade cruceiro'
 
A mediados de 2008, e en pleno escenario de crise, a demanda dos programas aeronáuticos nos que participa Coasa sufriron unha caída progresiva e xeneralizada da demanda. Resultou "especialmente duro" o descenso de pedidos do construtor brasilenfio Embraer, nos modelos ERJ 145 e 170/190. Xa en 2010, os primeiros indicios de recuperación do sector aeronáutico tardaron en trasladarse a Ourense, debido ao efecto dos sobre stocks de pezas na cadea de subministración. A verdadeira recuperación non chegou ata outubro do ano pasado, grazas ao despegue do Airbus A350 e á maior cadencia de pezas para o A330/340. A dirección de Aernnova prognostica un bo período de actividade para Coasa.
 
(Fonte: Expansión)