Clusaga convoca os premios ás mellores empresas de alimentación de Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Búscase empresa do sector da alimentación con sede en Galicia que teña un produto innovador, un gran proxecto empresarial ou unha estratexia de mercado e internacionalización. Estas son as tres categorías que se recoñecen nos Premios Galicia Alimentación que, un ano máis, organiza o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A convocatoria deste ano xa se abriu e, ata o próximo 31 de xullo, poderán presentarse as candidaturas na web desta entidade.

Poderán participar nesta sexta edición persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que teñan desenvolto actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na frota pesqueira dunha empresa galega. O nome dos gañadores darase a coñecer o vindeiro 24 de setembro, nun evento que se celebra de forma anual e que, nesta ocasión, quere servir para celebrar o décimo aniversario do Clúster Alimentario.

O xurado, presidido por Juanjo de la Cerda, presidente de Clusaga, outorgará catro galardóns. O primeiro recoñecerá o produto máis innovador e o segundo entregarase ao mellor proxecto empresarial ou institucional. Tamén se recoñecerá a estratexia de mercado e internacionalización das compañías. Por último, poderase outorgar, en caso de concorrencia, un premio extraordinario Galicia Alimentación á proxección do sector alimentario e bebidas. Na devandita distinción poderán ter cabida as institucións e organizacións que destaquen polo seu labor en favor do apoio ás iniciativas empresariais, ao emprendemento e á innovación no sector, así como pola súa traxectoria e traballo desenvolto na busca da promoción da calidade e imaxe dos produtos galegos. Estes galardóns naceron co obxectivo de recoñecer e visibilizar as accións de emprendemento, cooperación, innovación, sustentabilidade e internacionalización na industria alimentaria galega.

Fonte: La Voz de Galicia