As cinzas de biomasa poden substituír ao cemento na construción

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As cinzas procedentes da combustión da biomasa poden substituír ao cemento na elaboración de bloques de construción, segundo un informe dun grupo de investigadores da Escola Politécnica da Universidade de Xaén publicado na revista Fuel.

O estudo avalía o efecto da cinza de fondo para substituír ao cemento e o seu posible impacto ambiental a través dunha análise exhaustiva das súas condicións físicas, químicas e mineralóxicas, e conclúe que as calidades dese produto son unha opción sustentable para a construción.

Os investigadores empregaron cinzas derivadas da combustión dunha mestura de bagazo, residuos agrícolas e cultivo enerxético, que recolleron en bidóns onde foron secadas e trituradas porque, segundo explicou un deles, Bartolomé Carrasco Hurtado, "canto máis pequenas queden, a reactividade co resto de materiais será maior". Máis tarde mestúranse con auga para desencadear a reacción entre o óxido de silicio e o hidróxido de calcio, o que dá como resultado os produtos cementantes.

"Esta base vexetal produce dous tipos de cinza, unha que permanece na primeira cámara de combustión e se deposita na parte inferior da caldeira, denominada cinza de fondo, e outro tipo composto polas partículas arrastradas polos gases de combustión que se depositan en filtros, é a cinza voante", explicou Carrasco. A cinza voante "adóitase utilizar como fertilizante para cultivos, mentres que a de fondo supón un gasto inútil ata agora, xa que hai que retirala e remata no vertedoiro" pero grazas a esta investigación poderá ser reciclada tamén como produto para a construción.

O resultado da investigación foi testado baixo diversas normas nacionais e internacionais, grazas ao cal "probamos todas as proporcións de compoñentes e as que contan con mellores propiedades son as mesturas que inclúen a metade de cemento Portland e a metade de cinzas". Os investigadores mediron tamén o posible impacto ambiental do material resultante: "reducimos o bloque a po e analizamos a súa composición de metais pesados e os nosos estudos apuntan que non superan os valores que establece a normativa".

(Fonte: EFE Verde)