Cinco dos vinte postos habilitados na uci-COVID do hospital de Ourense estiveron monitorizados con equipos cedidos por TECMEVA

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

TECMEVA -Tecnoloxías Médicas de Vangarda- é o Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas do Parque Tecnolóxico de Galicia. No inicio da crise sanitaria provocada polo covid-19, o centro cedeu varios equipos médicos do seu Quirófano Avanzado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que o hospital empregou para atender os pacientes ingresados na uci afectados polo virus.

Este equipamento consta dun desfibrilador, catro equipos de anestesia, cinco monitores multiparamétricos, un ecógrafo e dúas sondas de ecógrafo. A directora de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Cristina Enjamio, manifesta o seu agradecemento ao Parque Tecnolóxico de Galicia “por poñer á nosa disposición todo este material e poder así completar a dotación da uci específica que se habilitou para atender a pacientes críticos con covid, integrada por 20 postos, en 5 dos cales se usaron os equipos cedidos por TECMEVA”.

A directora explica que se empregaron sobre todo os cinco monitores de parámetros de pacientes na uci-COVID. Nesta unidade tamén se usou o ecógrafo e as dúas sondas, tanto por parte dos ucistas como dos anestesistas, “de grande utilidade para obter a imaxe pulmonar dos enfermos”.

Desde o hospital informan que nos vindeiros días procederase á devolución de todos estes aparatos, posto que nestes intres xa non queda ningún paciente na uci-COVID.

Un centro punteiro en Galicia

Tal como salienta o director xerente do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, “TECMEVA é un centro punteiro na súa especialidade en Galicia, destinado a proxectos de investigación aplicada e á transferencia de coñecemento, pero cando xurdiu a crise sanitaria consideramos que o que procedía neses intres era poñer o equipamento o máis rápido posible en mans dos profesionais sanitarios do CHUO, co fin de poder atender ao maior número posible de pacientes. Toda esta tecnoloxía se puido aplicar á vida real e, ademais, nunhas circunstancias moi críticas para toda a sociedade”.

O centro estase a orientar á cirurxía pediátrica, aínda que tamén se abordarán outras especialidades cirúrxicas. Realízanse cursos de simulación laparoscópica, formación en técnicas de fetoscopia (intervención no feto antes de nacer), laparoscopia convencional e introdución na visualización laparoscópica en 3D.

Conta cun Sistema de Quirófano Avanzado, cuxa tecnoloxía está a disposición dos hospitais, administracións públicas sanitarias, xestores e profesionais; tanto públicos como privados. “A súa finalidade é contribuír a mellorar as condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica” -indican desde o Parque-.

Fonte: Tecnópole