Ciencia para triunfar como líder

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Entender que fai que un empregado produza máis e estea máis comprometido coa súa empresa e comprender por que unha persoa ten maiores dotes de liderado que outra é o que intenta debullar o neuroliderado, unha nova disciplina que estuda como se comporta o cerebro ante situacións nas que un debe ser líder.

Esta nova rama, nacida hai seis anos, permite que os neurocientíficos contesten a preguntas que todo consultor ou director de recursos humanos se fai á hora de contratar ou traballar con xente, detallou a arxentina Silvia Damiano, experta en intelixencia emocional e neurociencias aplicadas ao liderado.

Trátase, en definitiva, de usar os coñecementos da neurociencia para triunfar como líder. Por exemplo, agora todo o mundo fala de innovación e creatividade e a ciencia constatou que para que unha persoa teña un momento creativo debe partir dun momento de relaxación.

Para Damiano, estamos vivindo, e máis nunha época de crise, momentos de cambio nos modelos de liderado. Ata agora, as empresas optaron por ocupar os cargos directivos con persoas capaces de entender de números e habilidades para facer rendible os investimentos, pero non é suficiente. "Un bo líder debe saber manexar a súa enerxía e saber inspirar e contaxiar ao outro", asegura Damiano, quen recorda que o líder é ademais un piar imprescindible na xeración de compromiso.

Diversos estudos, segundo Damiano, demostraron que as persoas que se atopan moi ocupadas no seu traballo teñen unha reducida capacidade para pensar sobre o que pensan ou necesitan os demais. Isto, habitualmente, provoca distancia entre xefes e o resto dos traballadores, sobre todo cando os primeiros non actúan con mentalidade de equipo e pensan máis neles mesmos que nos demais.

"Pensar no outro demanda enerxía e foco, o que é esgotador," afirma Damiano. Esta experta do neuroliderado afirma non obstante que o liderado se pode adestrar e entre os primeiros pasos está o de autocoñecerse. Como exemplo, relata que nunha ocasión un directivo -dun dos bancos máis importantes de Australia-, ao perder o seu bono, precisou da súa axuda.

Damiano viña traballando con parte do seu equipo facendo "coaching" (adestramento persoal para conseguir unha meta laboral específica), sesións nas que este señor se negaba a participar. Unha das queixas do seu equipo era precisamente a falta de comunicación efectiva co xefe. Para convencelo, Damiano gravouno nun dos seus 'interminables monólogos' ante o seu equipo e, tras visionar as imaxes, esta persoa, asombrada da súa actitude, accedeu a participar do programa do que o resto do seu equipo estaba xa a participar.

E é que o líder, o xefe, segundo esta experta, é o responsable último do bo ambiente no traballo. En canto a España comenta: "non creo que as empresas españolas estean a ver que o liderado compartido é importante".

Outra das cousas que hai que recuperar, segundo Damiano, é "a ética das relacións humanas", a comunicación entre as persoas, que se perdeu en parte polas tecnoloxías. "Hai hábitos que se poden cambiar, pero hai que crear o ámbito para iso", subliña. Esta experta recorda, ademais, que a multitarefa é un mito: "pode habela, pero a calidade das actividades baixa".

(Fonte: EFE)