A cidade do futuro constrúese en Finlandia con tecnoloxía galega

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

As cidades do futuro foron imaxinadas por moitos con edificios intelixentes, transportes voadores, comunicacións avanzadas, etc. Toda unha tecnoloxía ao servizo do benestar e da cidadanía que comeza a asomar pouco a pouco na vida diaria, con paradas de autobuses informatizadas, tarxetas polivalentes, detectores de códigos... Estes avances son posibles grazas ao traballo desenvolvido por investigadores e enxeñeiros, chamados agora a presentar as súas ideas máis innovadoras en Finlandia con motivo do '1 st International Open Ubiquitous City Challenge', UBI Challenge, concurso no que Vigo xa se fixo un oco.
 
Un grupo da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo e do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) lidera un dos catro proxectos seleccionados para a final deste certame que busca ideas para construír un prototipo funcional dunha cidade futura intelixente. O profesor e coordinador do proxecto, Felipe Gil, explica que, baixo o nome de RunWithUs, dende Vigo se presentou un servizo creado para motivar á cidadanía na práctica do deporte, para o cal se "crea unha rede social na que poden compartir os seus adestramentos e resultados cos seus amigos e competir con eles".
 
Javier González Castaño, profesor e director da área de Redes e Aplicacións de Gradiant apunta a importancia deste tipo de oportunidades para traballar con grupos de investigación doutros países, potenciando así a investigación que se realiza en Vigo en temas relacionados con cidades intelixentes.
 
Un campo de probas de primeira categoría
 
A cidade de Oulu, na que se localiza a universidade organizadora, é un abandeirado do uso das TIC e conta cunha potente rede WIFI con máis de 300 puntos de acceso. Este concurso enmárcase no programa UBI (Urban Interactions), que ten como obxectivo construír un prototipo funcional de cidade futura intelixente, para o cal despregou esta completa infraestrutura por toda a urbe ao servizo da computación ubícua, é dicir, a integración dos sistemas informáticos na vida das persoas, tanto en escenarios públicos como no campo persoal.
 
Tras probar a aplicación nas súas rúas os investigadores explican que é "estupendo poder facelo nun escenario real, con WIFI, Bluetooth, redes de sensores, displays. Non hai moitas cidades así no mundo e permítennos facer probas de validación fóra do laboratorio". Os usuarios rexístranse en RunWithUs nos displays dispoñibles por toda a cidade e a través da infraestrutura WiFi de Oulu e os dispositivos dotados con WiFi (teléfonos, mp3…) que portan. Os resultados rexístranse incluíndo datos como a duración, a velocidade ou os percorridos e poden tamén compartir rexistros e acceder aos dos amigos, consultando por exemplo as rutas que estes elixen. Outra das innovacións reside en que os usuarios subscritos poden consultar cales dos seus amigos están a facer deporte nese mesmo momento.
 
Os resultados, a final de ano
 
De todas as propostas recibidas, Vigo foi seleccionada xunto con tres proxectos de Grecia, Alemaña e Suíza. Os catro grupos implementan e proban nestes días os seus proxectos no laboratorio no que se converte a cidade. Felipe Gil explica que "seguiremos traballando ata xullo, cando as aplicacións serán visibles e estarán dispoñibles para o uso de todos os cidadáns de Oulu". Toda a información que se recolla sobre o uso das aplicación durante os meses de xullo e agosto recompilarase a finais de agosto e os resultados presentaranse nun congreso en Beijing a finais de ano.
 
(Fonte: DUVI)