O Centro Tecnolóxico da Madeira cumpre vinte anos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia denominado CIS-Madeira, atópase situado en terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, aloxado nun edificio singular con patio traseiro construído con travesas de ferrocarril onde dispón de máis de 3000 m2 de oficinas, biblioteca, laboratorios físico-mecánico e químico e plantas piloto.

Creado no ano 1996, como centro tecnolóxico sen fins de lucro e dependente do Instituto Galego de Promoción Económica, dous anos despois foi transferido á agora Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia, enmarcándose dentro da Axencia Galega de Innovación.

Actualmente, é un centro ao servizo da industria da madeira de Galicia, que conta con equipamento para poder realizar proxectos de investigación e asistencias técnicas, laboratorios, cámaras climáticas, unha cámara de néboa salina ou unha cámara de envellecemento acelerado e persoal técnico composto por titulados superiores e medios en varias disciplinas de enxeñería.

Xunto co desenvolvemento de proxectos de I+D+i, o CIS-Madeira ofrece servizos tecnolóxicos avanzados tanto a profesionais como a empresas do sector. Estes servizos están orientados basicamente cara ao control de calidade de materiais e produtos, a reenxeñería de procesos, e o asesoramento sobre construción en madeira.

O CIS Madeira traballa así en ensaios físicos sobre humidade, a absorción de auga ou a estabilidade dimensional; en ensaios mecánicos sobre resistencia á flexión; en ensaios químicos sobre emisións de formaldehido ou o contido de area en taboleiros e en ensaios a produtos de rematado sobre a resistencia á abrasión, á luz solar ou aos produtos domésticos.

Nos últimos anos o CIS Madeira intensificou a súa prestación de servizos en proxectos construtivos.  Neste ámbito destaca o asesoramento e o control de calidade levados a cabo para a construción de dous edificios tan significativos como a Estación Marítima de Vilanova de Arousa, na que os retos principais tiñan que ver co material da envolvente que requiría dunha elevada durabilidade e estabilidade dimensional xunto a un acabado decorativo o cal debía alcanzar un período de mantemento razoable, nun ambiente mariño.

E na rehabilitación da Casa do Cabido de Santiago de Compostela, na revisión de vigas, encolado e o ignifugado do edificio. Pero como centro de transferencia de coñecemento participa en proxectos de I+D, como a avaliación das posibilidades de aproveitamento enerxético das principais formacións de matogueira en Galicia, centrándose no estudo de recollida, caracterización enerxética e nos efectos ambientais de aproveitamento deste recurso.

No ámbito dos novos materiais, desenvolve GreenMotion co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros para reforzar con fibra de madeira os plásticos, o que permite reducir o contido de derivados petroquímicos na mestura e diminuír o peso, sen limitar as prestacións técnicas do material nos automóbiles.

(Fonte: La Región)