O Centro Tecnolóxico da Carne abre as súas instalacións a mozos de toda a provincia de Ourense

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) abriu este luns as súas portas a un grupo de 40 mozos procedentes de Xinzo de Limia, Allariz e Ourense. A actividade tivo lugar no marco do proxecto Nutrigrups, co que se están desenvolvendo produtos adaptados ás necesidades nutricionais de grupos poboacionais específicos, desde a infancia e a adolescencia ata a terceira idade. Trátase dun dos proxectos enmarcados na Unidade Mixta impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), Coren e o CTC.

A actividade consistiu nunha visita guiada ás instalacións do centro, comezando pola planta piloto, onde os propios mozos puideron elaborar hamburguesas. Durante o percorrido polos laboratorios tiveron ocasión de realizar unha proba cualitativa (presenza ou ausencia) de amidón en diferentes alimentos e unha pequena proba de textura.

Ademais, viron a separación cromatográfica de mesturas de colores procedentes de distintas fontes (como rotuladores ou colorantes alimentarios) e implicáronse na separación dunha disolución salina mediante secado cun equipo Spray Dryer. No laboratorio de microbioloxía aprenderon a relacionar a hixienización de mans coa seguridade alimentaria e na oficina de proxectos realizaron unha montaxe real da pirámide alimentaria e un xogo de identificación das razas autóctonas. Finalmente, participaron nunha sesión de cata de produtos cárnicos novidosos, todos desenvolvidos en exclusiva para o proxecto Nutrigrups.

(Fonte: CTC)