A CE pide a España máis I+D privada

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

As empresas españolas invisten un 42,4% menos en investigación e desenvolvemento que as europeas e esa diferenza "ten un impacto negativo no rendemento tecnolóxico e innovador de España e a súa capacidade para producir tecnoloxías competitivas a escala internacional".
 
Segundo un extenso informe publicado pola Comisión Europea, España segue demorada en investimento en I+D+i malia indubidables progresos dende o comezo da década. As empresas españolas invisten neste capítulo un 0,72% do PIB, lonxe dos países nórdicos, onde destaca Finlandia (2,79%) ou Alemaña (1,92%).
 
Para o Executivo comunitario, a situación da innovación en Europa é de "emerxencia" porque "está a perder terreo" na explotación dos resultados da investigación". A UE é a primeira potencia mundial en publicacións científicas, pero Xapón e Corea do Sur duplican o número de solicitudes de patentes, sinala o informe. En canto ao investimento das empresas, unha maior aposta de países asiáticos como China, Xapón e Corea do Sur, unida a EE.UU., está a facer perder peso relativo ao esforzo europeo, segundo o informe. A situación é particularmente preocupante en España a pesar dun avance considerable no investimento dende o ano 2000. Dende ese ano e ata 2009, as empresas aumentaron a súa aposta nunha porcentaxe do PIB que se achega ao 45%. Por outra banda, o gasto público creceu considerablemente ata situarse no 1,28%, aínda lonxe do 2,01% de media na UE. Non obstante, apunta o informe, España require reformas para lograr un "cambio estrutural".
 
Mellora da calidade
 
Entre as fortalezas de España está a cooperación a nivel internacional, a calidade da produción científica ou o desenvolvemento tecnolóxico, mellorado substancialmente nos últimos anos. Pero o estudo destaca que o ámbito académico se leva mal coa industria, coa que a colaboración é aínda deficiente. Aínda que España é líder mundial no número de licenciados en carreiras técnicas ou científicas, a media de novos doutores segue por debaixo do dato europeo.
 
A comisaria de Investigación, Máire Geoghegan-Quinn, pediu aos Estados un maior investimento malia a crise, que "golpeou fortemente" ao sector, aínda que "menos que en EE.UU.", recoñeceu. Ademais, segundo a comisaria, é necesario ampliar o presuposto comunitario dedicado a investigación, porque "só a escala europea podemos mobilizar os recursos suficientes para enfrontarnos aos retos sociais" e "estimular os nosos investigadores a unir forzas máis alá das fronteiras". O investimento é moi rendible, segundo o texto, que defende a calidade dos empregos creados.
 
A UE ten como obxectivo investir en 2020 un 3% do seu PIB, meta á que segundo a CE non se chegará ao ritmo ao que crecen as partidas na actualidade. A materia pendente, tanto en España coma en Europa, segue sendo o investimento privado, onde "é necesario un incremento da taxa de crecemento anual" que as administracións públicas deben fomentar con incentivos e cambios lexislativos.
 
(Fonte: Público)