O CDTI investirá 100 millóns na I+D empresarial co programa CIEN

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) aprobou a convocatoria de 2017 do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CIEN), dotada con 100 millóns de euros, e que ten como obxectivo investir en grandes proxectos de I+D realizados por consorcios empresariais en colaboración con organismos de investigación.

Desta forma, o fin último deste programa pasa por "promover a colaboración público-privada e fomentar a realización dunha investigación planificada en áreas estratéxicas de futuro e con proxección internacional", segundo explicou o CDTI. Para logralo, o presuposto para a investigación industrial "deberá ser superior ao 50% do total".

Para beneficiarse deste programa, os proxectos deberán estar liderados por grandes ou medianas empresas e ter unha duración de entre 36 e 48 meses. Así mesmo, cada consorcio participante deberá estar constituído por entre tres e oito empresas e terá que destinar o 15% do presuposto total a subcontratar organismos de investigación, dos cales polo menos un terá que ser público. O prazo para presentar as solicitudes concluirá o próximo 4 de xullo.

Dende que se lanzase por primeira vez en 2014, o programa CIEN financiou 57 consorcios formados por 333 empresas, cunha achega pública de máis de 360 millóns de euros. Nesta edición, cada proxecto deberá ter un presuposto mínimo financiable de 5 millóns de euros e un máximo de 20 millóns.

87 novos proxectos

En paralelo, o CDTI tamén aprobou 87 novos proxectos de I+D+I cun presuposto total que ascende a 55 millóns de euros, dos que este organismo achegará 41. Desta forma, este organismo vinculado ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, busca fomentar e impulsar a innovación no tecido empresarial español. No desenvolvemento destes proxectos participan un total de 84 empresas, das cales o 71,4% son pemes. Con estas accións, o CDTI estima que se xerarán máis de 300 empregos directos e 521 indirectos.

(Fonte: Innovaspain)