O CDTI destinará 10 millóns de euros en axudas a empresas na primeira convocatoria do programa INNOGLOBAL

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) comprometerá 10 millóns de euros en subvencións durante o período 2016-2019 para financiar proxectos de I+D que sexan desenvolvidos por empresas españolas no marco dos programas Multilaterais EUREKA e IBEROEKA, así como noutros programas bilaterais subscritos con diversos países.

Estas axudas tamén poderán aplicarse a aqueles proxectos internacionais de certificación unilateral que fosen aprobados polo CDTI e a iniciativas de cooperación internacional que permitan ás empresas participantes capacitarse tecnoloxicamente para concorrer en futuras licitacións de organismos de investigación e en grandes instalacións científicas internacionais nas que España contribúe de acordo coas prioridades establecidas no Programa Estatal de Impulso ao Liderado Empresarial en I+D.

Esta convocatoria ten como obxectivo apoiar a intensa acción internacional que levan a cabo moitas empresas españolas que exercen un efecto dinamizador, tanto polo seu investimento no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos orientados ao mercado, coma pola xeración de emprego, ambos os dous aspectos de grande importancia para mellorar a balanza tecnolóxica de España.

Os proxectos deberán ser presentados por unha única empresa e poderán comprender tanto actividades de investigación industrial como de desenvolvemento experimental.

Como requisito indispensable, antes de solicitar a axuda INNOGLOBAL os solicitantes deberán presentar, previamente, a través da sede electrónica do CDTI, a solicitude relativa ao correspondente proxecto multilateral, bilateral ou unilateral que se vaia desenvolver. Estes proxectos tamén deberán obter a certificación ou o informe internacional correspondente, entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro deste ano.

Beneficiarios e financiamento

Estas axudas, que terán un efecto incentivador, poderán outorgarse a aquelas empresas legalmente constituídas en España e serán incompatibles con calquera outra subvención ou axuda destinada ao mesmo proxecto.

As iniciativas, que terán unha duración mínima de 12 meses e máxima de 36 meses, deberán ter un presuposto mínimo financiable de 175.000 euros e terán que desenvolverse, polo menos en parte, durante este ano.

A contía individualizada das axudas determinarase en función do custo financiable de cada proxecto, das características dos beneficiarios e das dispoñibilidades presupostarias, respectando os límites de intensidade de axuda establecidos no artigo 40 da Orde de bases reguladoras para os proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental.

No caso das pequenas empresas, a subvención poderá chegar ata o 50% do presuposto financiable aprobado e nas medianas e grandes, ata o 40% e 30%, respectivamente.

As bases tamén apuntan que poderán subcontratarse aquelas actividades que non poidan ser realizadas pola entidade beneficiaria. Non obstante, o custo global da actividade subcontratada non poderá ser superior ao 50% do presuposto financiable. Así mesmo, a subcontratación de entidades estranxeiras non poderá exceder o 30% do devandito presuposto.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o próximo 26 de maio e finalizará o 1 de xullo deste ano. As solicitudes para a obtención destas axudas cumpriranse a través da aplicación online de solicitude de proxectos, accesible a través da sede electrónica do CDTI.

(Fonte: Innovamás)