A carreira pola implantación de coche eléctrico empezou

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A carreira pola implantación de coche eléctrico empezou. Hai pouco India anunciou que ía estudar como impulsar o cambio. Agora mesmo, Países Baixos e Noruega están en plenas negociacións de cara a prohibir a venda de coches non eléctricos a partir de 2025. E mesmo Formentera quere ser a primeira illa de Europa só con coches eléctricos.

Pero neste caso, segundo informa Bloomberg, foi un alto cargo do Goberno alemán o que anunciou que se está a estudar moi en serio a obrigatoriedade de que todos os coches que se vendan a partir de 2030 sexan eléctricos.

Os obxectivos climáticos de 2050

"O compromiso de Alemaña de cortar as emisións de CO2 entre un 80 e un 95 % para 2050 é inalcanzable a menos que o país reduza radicalmente a polución producida polo transporte", dixo o Secretario de Estado de Enerxía alemán, Rainer Baake nun foro sobre o cambio climático en Berlín. E non é algo sinxelo porque "o feito é que non houbo unha redución significativa das emisións de CO2 no transporte dende 1990".

A medida non afectará a todos os vehículos porque como explicou "non temos ningunha forma de recortar as emisións de camións". Si as hai para recortar as emisións dos automóbiles, aínda que se necesitan políticas máis radicais. Este mesmo abril, o goberno de Ángela Merkel anunciou un programa de estímulo do coche eléctrico de mil millóns de euros. Unha iniciativa seria, pero insuficiente porque segundo as propias estimacións do Ministerio de Medio Ambiente este programa non podería, por si só, conseguir os obxectivos marcados para 2050.

Por iso, o goberno ten xa sobre a mesa a prohibición de venda de coches non eléctricos en 2030. "Esa é a data tope para que, tendo en conta que os coches teñen unha vida útil duns 20 anos, cheguemos en óptimas condicións a 2050", dixo Baaker. A implantación do coche eléctrico parece un proceso sen volta atrás.

(Fonte: Xataka)