Caricaturizar a 5G como o "grande irmán" asiático dos móbiles é inxusto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A quinta xeración de conectividade móbil promete descargas moito máis rápidas, unha ampla cobertura e conexións máis estables. Non obstante, se miramos a esta tecnoloxía unicamente a través da pantalla do noso smartphone, estaremos a ver unha parte moi pequena do que este avance traerá á nosa sociedade. Quen pense que o cambio de escenario que brinda a nova xeración se centra nos nosos dispositivos móbiles, está equivocado.

Os smartphones hoxe poden facer xa practicamente calquera cousa. A nova xeración 5G é unha evolución para os móbiles, pero, sobre todo, será unha auténtica revolución para o sector produtivo e levaranos á cuarta revolución industrial.

Se algo distingue á 5G de xeracións anteriores de redes móbiles, é que está deseñada para comunicar con extrema fiabilidade e inmediatez a máquinas, robots, vehículos, drons, sensores, e calquera dispositivo electrónico..., e tamén o teléfono móbil.

Neste sentido, este estándar é unha 'rede de redes' móbiles, á cal se conectarán moi distintos tipos de dispositivos e, por iso, abranguerá numerosos campos de aplicación.

Para que unha rede móbil como a 5G sexa capaz de adaptarse a esa gran variedade de conexións e aplicacións, a súa estrutura interna, a súa arquitectura, debe ser extremadamente flexible. Isto conséguese construíndo a rede con procesadores (ordenadores) de moi altas prestacións, nos que se executa distintos tipos de software en cada momento, en función de cada situación á que a rede se ten que adaptar. 5G será, cando estea plenamente despregada, unha rede ultraflexible, unha rede case líquida.

Esta arquitectura ultraflexible fai que gran parte dos elementos do núcleo da rede 5G sexan en realidade software, permitindo que a rede se reconfigure en segundos, ou se divida -virtualmente- en redes dedicadas a cada un dos sectores ou escenarios de uso que se mencionaron. E é aquí onde se apoian as sospeitas e preocupacións, convertidas en estratexias xeopolíticas, dalgúns gobernos.

A seguridade e a privacidade non son riscos novos

Non obstante, a seguridade e privacidade das comunicacións non é precisamente un risco novo, nin exclusivo da telefonía móbil, nin da 5G. A posibilidade de ciberataques, de virus, de 'portas traseiras' nos programas instalados en ordenadores, en teléfonos e nas propias redes, acompáñanos dende hai dúas décadas, dende a masificación de internet.

As precaucións ao respecto da seguridade en redes 5G non deben ser moi distintas ás que xa deberiamos ter en relación a calquera outro software, sistema operativo, navegador ou app que usemos a diario.

Europa iniciou en marzo de 2019 unha rolda de consultas aos países membros para determinar e regular os riscos de privacidade e seguridade da 5G, e o resultado vai ser a aplicación de medidas de regulación e certificación similares ás de calquera outro tipo de dispositivo e software.

Tomar o risco de seguridade e privacidade como a razón para o proteccionismo comercial, asegurar que os equipos de 5G están deseñados para a espionaxe, ou caricaturizar a 5G como o "grande irmán" asiático da telefonía móbil é simplemente inxusto.

(Fonte: SINC)