Cara a unha fabricación aditiva máis competitiva, eficiente e sustentable

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Mellorar as tecnoloxías de fabricación aditiva baseadas en litografía para a fabricación de pezas en materiais cerámicos con alta complexidade xeométrica. Este é o obxectivo do proxecto europeo TOMAX no que participan investigadores españois da Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Estes novos avances poderían aplicarse en sectores industriais como o da enxeñería de tecidos ou o dos vehículos de competición.

Os investigadores da UPM implementaron e integraron novas estratexias de deseño a estas tecnoloxías de fabricación aditiva, que son actualmente as máis empregadas para a impresión 3D no ámbito industrial. En concreto, trátase de innovacións destinadas a mellorar o peso e resistencia mecánica dos compoñentes fabricados, controlar as propiedades e texturas superficiais das pezas obtidas ou avaliar a influencia do propio proceso de fabricación na calidade final. O resultado podería impactar positivamente en sectores como a enerxía, o transporte e a saúde.

Andrés Díaz Lantada, investigador da UPM participante no proxecto, sinalou que "é necesario dedicar esforzos ao desenvolvemento de novas formas de deseñar orientadas a estes procesos aditivos para potenciar o impacto industrial de todo tipo de tecnoloxías de impresión 3D e conseguir que non só se apliquen a prototipos conceptuais, senón tamén á obtención de pezas finais competitivas e con altas prestacións". De feito, dentro do proxecto TOMAX traballouse a nivel europeo en aspectos multidisciplinares como melloras no software específico para estes procesos, o desenvolvemento e integración de técnicas de modelizado computacional para optimizar xeometrías e procesos, a integración de sistemas de iluminación e posicionamento de moi alta precisión e o desenvolvemento de novos fotopolímeros e cerámicos avanzados.

Desta forma, o fin último do proxecto TOMAX pasa por mellorar a competitividade da Unión Europea no sector da fabricación aditiva, achegando innovacións a todos os seus ámbitos relevantes e beneficiando a diversas industrias con múltiples casos de éxito que integran e ilustran os devanditos avances. Para iso, a UPM contribuíu empregando métodos de optimización topolóxica e topográfica, así como modelizacións computacionais dos procesos de fotopolimerización e das aplicacións en servizo. Así mesmo, aplicáronse metodoloxías de análise do ciclo de vida para avaliar o impacto das melloras introducidas para lograr unha fabricación aditiva máis produtiva, eficiente e sustentable.

(Fonte: Innovaspain)