O campus de Ourense participa no estudo Predico que anticipará a expansión do Covid-19

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O campus universitario de Ourense participa no estudo Predico que permitirá anticipar a expansión e incidencia do Covid-19. O proxecto, que acaba de recibir financiamento por parte do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), e permitirá crear un modelo de predición dinámica sobre escenarios de afectación do virus a curto e medio prazo. O profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica de Ourense, Iván Area, é un dos investigadores implicados no estudo, que integra a expertos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro, así como do Centro Nacional de Biotecnología (CSIC), sendo o seu coordinador o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira.
 
“Este proxecto é un recoñecemento do traballo feito durante os peores días da pandemia e unha demostración de que é perfectamente posible o traballo entre compañeiros de distintas administracións, de distintas áreas de coñecemento e de distintos países”, indica Area.
 
O que se pretende con esta investigación, explica Jorge Mira, “é liquidar un dos principais problemas cos que se están a enfrontar os modelos coñecidos: a fiabilidade dos datos dispoñibles, tanto por dificultades nos mecanismos de detección, como por unha probable abundancia de casos asintomáticos”.
 
Así, o equipo de investigadores aspira a adiviñar o número de unidades de coidados intensivos (UCI) necesarias para evitar a saturación mediante a estimación de persoas infectadas. Así mesmo, o modelo de predición incorpora axentes causais que non inclúen os modelos clásicos, e detectará o impacto social das medidas adoptadas polas autoridades e valorará os mecanismos de control a través das redes sociais.
 
O traballo desenvolverase en tres frontes ao longo dos vindeiros seis meses con modelos que proporcionan sistemas de ecuacións diferenciais, co chamado Modelado Dinámico Empírico, que prescinde de ecuacións, e a través dunha análise da rede social española, que retroalimentará as dúas vías anteriores.
 
No estudo, explican, modelaranse os infectados asintomáticos e os chamados superpropagadores. A través da chamada teoría do control óptimo buscaranse as intervencións idóneas que permitan a redución da propagación.
 
Fonte: Faro de Vigo