Un acordo entre o Sergas, a Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Parque Tecnolóxico de Galicia permitirá a sanitarios en exercicio e a residentes formarse nas últimas tecnoloxías de cirurxía minimamente invasiva. Será no Centro de Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva), no parque Tecnópole, de Ourense, que cederá equipamentos e instalacións ao persoal do Sergas, e de cuxo mantemento se encargará a ACIS.
O programa de aceleración á internacionalización das pemes galegas de carácter innovador, Galicia Avanza, ten en marcha a súa segunda edición. Unha das 30 empresas beneficiarias é “Hermanos Paniagua”, unha das firmas con maior tradición na provincia de Ourense. Desde O Carballiño elaboran cremas e licores con ADN galego. Vermú ou xenebra son algúns dos produtos que xa comercializan, mentres traballan agora na súa nova liña: A Pócima, unha proposta innovadora dirixida a un público novo con sabores como fresa e agave, mango e agave ou “sabor a nube”.
Tecmeva -Tecnoloxías Médicas de Vangarda- é o centro de investigación en novas tecnoloxías cirúrxicas minimamente invasivas situado no Parque Tecnolóxico de Galicia. É un centro punteiro no eido da cirurxía experimental na nosa comunidade, destinado á formación dos cirurxiáns, así como á mellora das condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica.
Se o teu banco che amosa uns gráficos cos que podes entender mellor en que estás a gastar o diñeiro, de onde proceden os teus ingresos, como se comportan ambas as variables e que medidas podes tomar para mellorar estes movementos e sacar máis partido dos teus cartos, poida que esteas a usar, sen sabelo, a Intelixencia Artificial desenvolta pola empresa española Coinscrap Finance. Aínda que foi EVO o primeiro que confiou nas solucións desta empresa, actualmente a Fintech traballa tamén co Banco Santander ou Bankinter, así como con compañías de seguros como Generaly, Mapfre ou Caser.
A empresa Ingade Connect, situada en Tecnópole e cun marcado compromiso social, mantén un acordo de colaboración con SonríeXÁfrica, unha organización sen ánimo de lucro centrada na acollida de persoas que solicitan asilo no noso país. Esta colaboración xorde grazas á delegación que a firma ten en Sevilla, cidade á que pertence a ONG.
Moodular é unha plataforma 4.0 que desenvolveu Galvintec, a firma tecnolóxica do Grupo Alvariño especializada en desenvolvementos para o comercio electrónico e a loxística. Desde unha única plataforma, as pemes poden comercializar en múltiples canles e ver ademais en tempo real datos como o estado dos pedidos, métricas de vendas ou xestión do inventario.
O sector agroalimentario mantense á fronte como o principal motor económico da provincia. As empresas ourensás pecharon o exercicio de 2021 cun incremento xeralizado nos ingresos. Eses datos son, precisamente, os que recolle o informe Ardán, elaborado anualmente polo Consorcio da Zona Franca de Vigo. De acordo con este estudo, que reflicte a cifra de negocio e o volume de emprego por sociedades e non por grupos empresariais, as catro primeiras do ranking son do sector agroalimentario.
O sector tecnolóxico de Galicia creou o pasado ano 1.063 postos de traballo, un 5,1% máis que o exercicio anterior, até alcanzar os 21.800 empregados, segundo destacou a Xunta. As cifras sinalan que o sector vencellado ás tecnoloxías suma 3.000 empresas, o que representa o 4,5% do total do Estado. O valor engadido bruto do sector é de 1.740 millóns de euros, o 2,97% do PIB total da comunidade.
O 24,8% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade durante o ano 2022, segundo o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2022”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Segundo os datos que constan neste documento, os intentos de estafa e os ataques de virus foron os incidentes máis frecuentes entre as empresas que tiveron problemas coa ciberseguridade. Os intentos de estafa medraron un 14% no último ano.
As empresas de servizos dixitais en España seguen a ser un verdadeiro motor de empregabilidade, a pesar da actual situación de incerteza que viven todos os sectores profesionais. Proba diso é que a creación de emprego no sector TIC español medrou un 6% en termos interanuais (entre febreiro de 2022 e febreiro de 2023). Os afiliados á Seguridade Social superaron por primeira vez os 450.000 en abril deste ano.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), celebrou a súa 18ª edición baixo o lema “Aeronáutica e Aeroespacial”. A súa finalidade é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.
A biotecnolóxica galega Qubiotech Health Intelligence, con sede na Coruña, vén de pechar con éxito unha rolda de financiamento dando entrada no seu accionariado aos fondos especializados Sémola Tech Ventures e Nowture. Qubiotech dedícase ao desenvolvemento e comercialización de software para mellorar o diagnóstico e seguimento de enfermidades neurodexenerativas a través do procesamento de imaxes baseado na Intelixencia Artificial (IA).