Box PureFy, o invento ourensán que reduce a transmisión de virus e bacterias en humanos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A xove empresa ourensá Myboxexperience acumula nos seus cinco anos de vida decenas de proxectos de deseño mediante o uso de colectores reciclados como base construtiva, cos que realizaron postos feirais, piscinas e ata vivendas unifamiliares en toda España e infinidade de proxectos para marcas de primeiro nivel mundial, con deseños innovadores e acabados de alta gama.

Pero desde o comezo da corentena, os seus responsables explican que “decidimos que non iamos presentar ERTE e puxémonos todo o equipo de deseño a teletraballar para loitar contra o Covid-19, e buscar algo que puidese axudar na protección das persoas”. De aí naceu o Box PureFy, que contou con asesoramento e apoio de institucións públicas, científicas e sanitarias. “Xa temos unha multinacional interesada no proxecto e xa comezamos a fabricación na nosa fábrica de Ourense”, explica David González Rey.

Este delineante é un dos cofundadores desta startup de Ourense (como se deu en chamar ás novas empresas de forte base tecnolóxica e innovadora). Myboxexperience ten a súa sede no Polígono de San Cibrao das Viñas e os primeiros equipos do Box Purefy serán 100% nacionais en todos os seus compoñentes.

O box é bidireccional, é dicir, van pasando separadamente os usuarios. Ademais, está provisto de dispensadores de hidroxel, control de temperatura corporal e zona de alfombra húmida para a sola dos zapatos, así como distintas opcións de control de accesos e control de presenza.

Ozono e osíxeno

“Cando é inevitable que as persoas acudan aos puntos de risco e ademais teñan que acudir en masa como fábricas, universidades, aeroportos, etcétera, deben pasar polo interior do box para desinfectarse e evitar a propagación como medida preventiva mediante ese tratamento con osíxeno e ozono, que é o produto natural co maior poder bactericida coñecido ata agora”, explican os promotores. Engaden que o seu gran poder desinfectante elimina xermes, bacterias, fungos e virus “con maior rapidez e efectividade”.

A ecoloxía é a base do proxecto. Así, os seus responsables apuntan que utiliza como tecnoloxía “Airlite, 100% ecolóxica que polo efecto da luz converte as paredes nun purificador natural do aire, eliminando bacterias, fungos Covid, Nox e outros produtos contaminantes, sendo un box completamente ecolóxico”. David González aclara tamén que a elaboración de compoñentes e equipo de xeración de ozono son de fabricación e patente española.

Por outro lado, o departamento de innovación desta empresa ourensá está a traballar na versión 4.0 “para dotar o box de interconectividade cos departamentos de Recursos Humanos ou de Sanidade e co usuario a través do seu teléfono móbil para aproveitar a medición da temperatura corporal e informar de se está ben ou non e realizarlle a esa persoa o test rápido”.

Desta maneira, o resultado remitiríase ao interesado e se fose positivo ás autoridades sanitarias para que tomen as medidas preventivas oportunas. Ademais o box conta cos últimos sistemas dixitais e virtuais. “Tamén estamos en conversas avanzadas cunha empresa líder en Europa no diagnóstico en punto de atención que permitirá identificar e illar a persoas que dean positivo, con máxima precisión en 15 minutos, utilizando tecnoloxía PCR portátil, con conexión directa á nube, o que permitirá a xestión centralizada dos datos”, indican os promotores este proxecto.

Fonte: Faro de Vigo