Bots2Rec, o robot autónomo que desmantela estruturas de amianto

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Desmantelar estruturas de amianto de forma áxil e segura ao tempo que se reducen os custos e o tempo investido. Estas son as vantaxes que ofrece Bots2Rec, proxecto internacional no que participa o Centro Tecnolóxico de Cataluña -Eurecat e que ten como obxectivo desenvolver un robot autónomo capaz de eliminar este material tóxico aínda presente en numerosos edificios de toda Europa.

O dispositivo resultante constará de múltiples unidades robóticas, compostas por unha plataforma móbil e un brazo robótico dotado de ferramentas abrasivas e de succión. Tamén terá un sistema central de aspiración e subministración de enerxía que poderá controlarse dende fóra da zona contaminada, de tal forma que se poidan supervisar os traballos de retirada do amianto con maior seguridade. Así mesmo, o robot contará con radares avanzados, aptos para moverse por contornos cunha alta concentración de partículas e sensores ópticos capaces de xerar unha imaxe 3D detallada do edificio no que traballan.

Pepa Sedó, responsable da unidade de Robótica de Eurecat, explicou que esta tecnoloxía "permite controlar a máquina a distancia e desenvolver parte do proceso de forma autónoma, o que evita a exposición humana ao material". Pola súa banda, este centro tecnolóxico "achega ao proxecto a súa experiencia en sistemas de control de procesos, que permiten integrar a máquina co software de control".

A idea deste proxecto é desenvolver dous prototipos. O primeiro xa se probou nas instalacións de Eurecat e o seu obxectivo é "levar a cabo unha intensa campaña de probas para adquirir os coñecementos necesarios sobre o tratamento do amianto mediante robots", afirmou Sedó. Pola súa banda, o segundo prototipo estará dispoñible en setembro e podería chegar ao mercado en tres anos.

Axilizar o proceso

Actualmente, os procesos de desmantelamento de amianto "deben ser realizados manualmente por operarios experimentados e están regulados por un protocolo de seguridade moi estrito" e iso, en opinión de Sedó, "frea o proceso e faino máis custoso". Para paliar estes inconvenientes o proxecto Bots2Rec e as súas solucións robóticas "axilizarán todo o proceso, reducindo ata un 50% as horas-home requiridas", sinalou Daniel Martín, xestor de proxectos na Unidade de Robótica de Eurecat. E outra vantaxe é que "o gasto económico total dunha descontaminación de amianto pasará a ser entre un 30 e un 60% máis barata".

(Fonte: Innovaspain)