O Bono Enerxía Peme volve impulsar o aforro e a eficiencia entre pemes e autónomos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Pequenas empresas e autónomos de Galicia poden mellorar o aforro e a eficiencia enerxética dos seus negocios grazas á posta en marcha do programa Bono Enerxía Peme. Estas axudas, impulsadas o pasado ano para reactivar a economía a raíz da situación xerada pola crise sanitaria da Covid, volven convocarse dentro do Plan de choque da Xunta de Galicia. O obxectivo é facer fronte á actual carestía dos productos enerxéticos e a situación de inflación.

A convocatoria, de concorrencia non competitiva, estará aberta ata o 14 de xullo ou ata que se esgote o crédito destinado a este programa, que ascende a dous millóns de euros. Poden solicitar estas axudas, de tramitación electrónica, empresarios e autónomos con actividades no eido do comercio, a hostalería, artístico-recreativa e outros servizos.

Cómpre destacar que o Bono Enerxía Peme cobre o 80% do custo elixible da actuación ata un máximo de 6.000 euros por solicitude. Apoiarase a instalación de elementos de control solar; a renovación de equipamentos de iluminación interior ou exterior; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garantan unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía; a instalación de aparellos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalación de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; ou sistemas domóticos ou inmóticos para a xestión da enerxía e un gasto máis eficiente.

A comunidade galega aspira a convocar ao longo deste ano axudas por máis de 128 millóns de euros. Estas están dirixidas tanto a familias como empresas e o obxectivo das mesmas é seguir promovendo unha Galicia máis verde, á vez que se trata de paliar os efectos que a suba de prezos enerxéticos está a ter en todos os fogares e no tecido empresarial galego.

Fonte: Diario de Pontevedra