A biotecnoloxía busca competitividade nas grandes computadoras de datos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A biotecnoloxía é un dos campos con maior proxección de futuro na investigación galega e na transferencia dese coñecemento á sociedade. Un sector en alza que precisa dun grande almacén de datos porque, como asegura o director do Centro de Supercomputación de Galicia, "para deseñar novos fármacos é necesario deseñar novas moléculas e para deseñar novas moléculas hai que facer simulacións de cal sería o comportamento das diferentes proteínas; e a simulación, en definitiva, é cálculo".

Javier García Tobío botou man de tan esclarecedor exemplo nun encontro que tivo cos socios do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) que participaron na sede do centro nunha xornada sobre Computación, cloud e almacenamento de datos no sector bio.

Os investigadores do campo biotecnolóxico necesitan de grandes almacéns da información, pero esa non é a súa especialidade, de aí a necesidade de establecer alianzas cun centro que lles achega a loxística necesaria; ou o que é o mesmo, a capacidade de almacenamento de datos que necesitan.

As cifras explican ben ese matrimonio de conveniencia: o sector bio consume na actualidade o 20% da computación e ocupa o 30% do almacenamento do Centro de Supercomputación de Galicia. Son xa unha ducia de empresas do sector as que traballan co Cesga, ao que se suman os grupos de investigación de Galicia e doutras comunidades autónomas, fundacións que se moven no sector e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Medio centenar de empresas participaron nunha xornada na que impartiu unha charla Aurelio Rodríguez, técnico superior de Aplicacións do Cesga. Fíxoo tras unha presentación de Ramón Basanta, responsable de Transferencia.

Os asistentes puideron coñecer aplicacións reais de uso así como debater sobre as necesidades que as empresas bio teñen dos servizos de computación, almacenamento e comunicacións.

(Fonte: La Voz de Galicia)