A biotecnoloxía ábrese paso no Sistema Nacional de Saúde

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Máis de medio millón de pacientes dos hospitais e centros do Sistema Nacional de Saúde (SNS) recibiron tratamento con fármacos biolóxicos en 2010, uns produtos terapéuticos que lograron mellorar a calidade e a esperanza de vida dos enfermos e reducir o gasto en medicamentos do SNS.
 
A biotecnoloxía, utilizada para probas de prognóstico e diagnóstico de enfermidades e en terapias contra patoloxías que non teñen tratamento farmacolóxico efectivo, forma parte da chamada xenética clínica, unha especialidade médica innovadora, eficaz e menos agresiva que os métodos convencionais.
 
O impacto da biotecnoloxía na práctica clínica nótase tamén no gasto en medicamentos. De feito, aínda que o número de pacientes tratados con estes fármacos aumentou o 42% nos dous últimos anos, o gasto en tratamentos do SNS reduciuse un once por cento dende 2008.
 
Así consta no informe 'A relevancia da biotecnoloxía en España 2011', un documento elaborado pola Fundación Xenoma España, que analiza a importancia científica, económica, empresarial e social da biotecnoloxía española e a súa evolución dende o 2000.
 
Segundo este informe, que se realiza cada dous anos, o 45% dos tratamentos biolóxicos repercute positivamente na esperanza e a calidade de vida dos pacientes, así como no control da enfermidade.
 
Un exemplo: once anticorpos monoclonais e doce proteínas recombinantes utilízanse para tratar unha trintena de patoloxías como a diabete insulino-dependente, a esclerose múltiple, a artrite reumatoide ou certos tipos de cancros metastáticos, unhas patoloxías que padecen 7,8 millóns de persoas, o 17% cento da poboación española.
 
En 2010, máis dun centenar de hospitais españois (públicos e privados) compraron máis de 30.000 probas de diagnóstico para enfermidades monoxénicas, de diagnóstico postnatal e de diagnóstico xenético, cun custo medio de entre 200 e mil euros cada unha.
 
Ese mesmo ano, os hospitais españois gastaron 1662 millóns de euros en fármacos biotecnolóxicos -cerca dun 30% do gasto farmacéutico do sistema sanitario-, a maioría destinados ao tratamento de patoloxías oncolóxicas (cancro de mama, cancro colorrectal e cancro de pulmón, entre outros), esclerose múltiple e patoloxías hematolóxicas e hepáticas (hepatite B e C).
 
O informe sinala tamén que, con respecto ao 2008, ano en que se publicou o estudo precedente a este, cerca dun oitenta por cento dos fármacos biotecnolóxicos seleccionados utilizados para o tratamento de pacientes baixara o seu prezo en 2010.
 
En concreto, o 57% destes fármacos abaratouse polo menos un trinta por cento respecto a 2008, un dato que fai que o prezo medio de tratamento por fármaco biotecnolóxico, pasase dos 9000 euros en 2008 a 4987 euros en 2010.
 
O estudo destaca tamén a importancia das vacinas biotecnolóxicas financiadas polo Sistema Nacional de Saúde que son fundamentais na prevención de enfermidades e supoñen un grande aforro para o sistema, xa que, por cada euro investido en vacinas, o SNS aforra entre catro e cinco euros en custos médicos directos.
 
Entre as vacinas biotecnolóxicas incluídas no calendario de vacinación do SNS destaca a da poliomielite, a tripla vírica, a da gripe, a da hepatite B ou a da meninxite C.
 
(Fonte: EFE)