As biotech galegas, a por EE UU, Israel e Dinamarca

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Estados Unidos, Israel e Dinamarca son os tres países elixidos polo sector biotecnolóxico galego como "zonas prioritarias" de expansión de aquí a 2020 para explorar as posibilidades de negocio, para abrir novos mercados e para establecer posibles alianzas con outros axentes biotech deses territorios. Explicouno en Vigo Carme Pampín, presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que participou nunha xornada organizada conxuntamente co Consorcio da Zona Franca para abordar as oportunidades de internacionalización do sector biotech de Galicia.

"EE.UU. é un dos territorios máis atractivos e interesantes para calquera compañía ou proxecto biotech de Galicia e, ao mesmo tempo, é un mercado de difícil acceso", sinalou Pampín, quen indicou que aí está a clave para "poñer en marcha accións para axudar ao sector a coñecer e abrir posibilidades que permitan explorar ese mercado". A presidenta de Bioga apuntou que Dinamarca "é un mercado pouco coñecido e moi interesante para o ecosistema bio de Galicia" porque "as súas empresas son moi dinámicas". Pola súa parte, Israel "conta cun polo biotecnolóxico punteiro e moi importante".

Pampín afirmou que Bioga, que conta con medio centenar de socios, e a Zona Franca pretenden "facilitar o acceso ás empresas galegas a estes mercados" e tamén axudalas a "explorar posibilidades de establecer alianzas". "Todo depende das necesidades das empresas biotech galegas; podemos axudalas a buscar clientes, a buscar un socio para colaborar ou, incluso, á implantación nesa zona", apostilou.

Misión comercial

Bioga xa programa, por exemplo, unha Misión Comercial Bio a Dinamarca ao longo de 2017. Dinamarca conta cun dos clústers internacionais de biomedicina e biotecnoloxía máis relevantes do mundo, o denominado Medicon Valley, unha iniciativa que comparte con Suecia, e que é considerado como o Silicon Valley das ciencias da vida.

Pola súa parte, a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, destacou que un dos obxectivos do Consorcio radica en "apoiar o coñecemento e a internacionalización, apoiar a idea". Aí se explica o respaldo desta entidade á expansión exterior dos socios de Bioga. "A biotecnoloxía é un sector clave que chega para quedar", dixo aos asistentes. "Estamos aquí para apoiar ás iniciativas bio; en Galicia hai moito talento", apuntou Pedrosa durante a xornada celebrada na zona portuaria de Bouzas, na que participaron representantes do sector biotech de Galicia.

A Zona Franca de Vigo porá en marcha a curto prazo unha aceleradora de internacionalización de empresas. Pampín destacou os proxectos que Bioga e o consorcio teñen en conxunto: unha candidatura POCTEP para a creación dun Clúster Biotecnolóxico Transfronteirizo, a posta en marcha dun HUB internacional de iniciativas bio e unha candidatura POCTEP para a creación dun Centro Internacional de Evolución Gastronómica. Á xornada acudiron empresas biotecnolóxicas de Galicia e un experto acreditado de cada un dos tres mercados internacionais seleccionados.

(Fonte: Faro de Vigo)