Big data e código aberto para estimar a eficiencia enerxética dos barrios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Investigadores da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desenvolveron de forma conxunta unha nova ferramenta de precisión capaz de medir canto pode mellorar a eficiencia enerxética no tecido urbano. Este sistema, que podería aplicarse a barrios enteiros, elabora as súas estimacións a partir de datos recompilados edificio por edificio, mediante técnicas de big data. O estudo foi publicado na revista Energy and Buildings.

A ferramenta calcula a perda de enerxía dos edificios grazas a un novo método, realizado con ferramentas informáticas de código aberto e que se basea na explotación de datos catastrais. Deste modo, pode establecer un diagnóstico do estado actual de veciñanzas enteiras e avaliar como poderían impactar posibles medidas de mellora enerxética.

Neste estudo, os investigadores baseáronse nos datos catastrais do barrio madrileño de Canillas, cunha cualificación de eficiencia enerxética moi baixa, e utilizaron técnicas de big data aplicando a ciencia dos datos urbanos (Urban Data Science). Segundo explicou Fernando Martín-Consuegra, investigador principal deste traballo, "a posibilidade de dispoñer de datos para cada edificio, obtidos dos datos catastrais, proporciónanos unha ferramenta útil para o deseño de estratexias de rehabilitación enerxética e permite unha cuantificación, entre outras, da transferencia de calor a través da envolvente da edificación".

O resultado é que os investigadores lograron definir un indicador de eficiencia enerxética pasiva, para unha área urbana ou barrio, que engloba tanto aspectos urbanísticos e da edificación (dimensións, orientación, forma dos edificios e a súa disposición) e aspectos construtivos (como a calidade da envolvente). Grazas a iso poden identificar as zonas e edificios máis afectados e que, polo tanto, presentan unha edificación ineficiente. Ademais, subliñou Martín-Consuegra, "comprobamos que xunto á calidade construtiva, sobre a que se focalizou a atención ata agora, os aspectos xeométricos do tecido urbano teñen unha grande influencia nas perdas enerxéticas"

Calcular o investimento necesario

Este novo método pode comparar as perdas enerxéticas da edificación inicial identificada como mellorable, fronte a novos escenarios máis eficientes. De aí que tamén permita considerar estimar o potencial de redución da demanda enerxética ou calcular de xeito aproximado o investimento total necesario para barrios enteiros, introducindo datos unitarios do custo das melloras e a rehabilitación enerxética. Así mesmo, indicaron os investigadores, este método tamén permite obter información útil para o deseño de infraestruturas de abastecemento de enerxía e de sistemas de calefacción por distrito.

(Fonte: Innovaspain)