Banca e seguros, entre os sectores mellor colocados para espremer as vantaxes do big data

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A aparición do consumidor dixital obrigou ás empresas financeiras a transformar a operativa para manter a competitividade. As posibilidades que abre o big data para coñecer as necesidades do usuario e mellorar a súa experiencia non caeron en saco roto no sector. Segundo un informe da Universidade de Pensilvania, o sector de banca e seguros sitúase como o terceiro máis preparado para aproveitar as vantaxes do novo caudal de información.
 
A investigación –realizada por Wharton, a escola de negocios asociada á universidade estadounidense, en colaboración coa firma de análise de datos Qlik– avalía as empresas en función do seu nivel de alfabetización de datos, isto é, a capacidade que teñen os seus profesionais para traballar e analizar os datos para tomar decisións estratéxicas. Na elaboración deste índice analizáronse máis de 600 compañías cotizadas de Estados Unidos, Europa e Asia con polo menos 500 empregados e que representan unha ampla gama de sectores, como banca e seguros, fabricación, comercio retallista, transporte, saúde, enerxía, construción, servizos públicos ou comunicacións.

Banca e seguros ocuparía neste índice o terceiro lugar por detrás das firmas de sectores como o de administración e hostalería e turismo. O estudo conclúe que a mellora no traballo con datos pode aumentar un 5% os ingresos dunha empresa, o que suporía un crecemento de ata 475 millóns de euros nas firmas analizadas.

Potenciar vendas

O uso do big data no sector financeiro é unha ferramenta que potencia as vendas e os ingresos, aumenta a fidelización dos clientes e mesmo permite a diminución da fraude. Unha correcta análise de datos permite coñecer mellor o usuario e ofrecerlle un servizo segmentado e adaptado ás súas necesidades con maior eficiencia e rapidez.

A irrupción desta tecnoloxía no sector asegurador e bancario provocou a aparición de novos servizos e entidades agrupados baixo os epígrafes insurtech e fintech que pretenden cubrir a nova demanda. Entre as novas prácticas destacan os empréstitos directos ao consumidor (P2P), as start ups de medios de pagamento, os agregadores financeiros ou as plataformas de financiamento colectivo (crowlending).

Non obstante, aínda que o 98% dos líderes empresariais considera que os datos son importantes para tomar decisións de negocio e que o 93% afirma que dispoñer de empregados expertos en datos facilita significativamente a toma de decisións, o informe destaca que tan só o 8% das empresas realizou grandes cambios na súa estratexia de xestión do dato nos últimos cinco anos.

No referente ao panorama español, as empresas mostran un desempeño positivo sobre a súa capacidade para xestionar, analizar e utilizar datos para tomar decisións estratéxicas, obtendo 71 puntos sobre 100 no estudo. Non obstante, sitúanse á cola das organizacións europeas e tan só superan ás xaponesas a nivel global entre as rexións analizadas. Pola contra, Singapura é o país máis maduro en canto a estratexias de análise, xestión e monetización de datos.

(Fonte: Expansión)