Axudas para renovables, un respiro ante a factura eléctrica

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Se o cidadán de a pé treme cada vez que o megawatt hora alcanza un máximo histórico, as empresas ven como esta escalada na factura eléctrica pon en xaque a súa viabilidade. Depender en exceso destas tarifas está a minguar a competitividade de pequenos e medianos empresarios, polo que as renovables convértense nun aliado indispensable.

A Xunta publicou unha nova liña de axudas, financiada con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para o autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables. Serán case vinte millóns de euros, 19,8, dos que poderán beneficiarse empresas, incluídas as de servizos enerxéticos; xestores de polígonos industriais; persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; así como comunidades enerxéticas locais. O prazo para pedir as axudas remata o 31 de decembro.

Haberá tres liñas de axudas. Unha para que as entidades do sector servizos realicen proxectos de fotovoltaica e eólica. No primeiro dos casos con 5,3 millóns de orzamento e no segundo con 280.000 euros, en ambas as opcións con ou sen almacenamento. A segunda das liñas destínase ao resto de sectores produtivos, con once millóns para a enerxía fotovoltaica e 580.000 para a eólica, tamén con ou sen almacenamento. Finalmente, a Xunta establece unha terceira modalidade para apoiar o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes en todos os sectores, neste caso con 2,6 millóns en fondos.

As axudas non terán concorrencia competitiva, e a porcentaxe de axuda oscila entre o 15 e o 65% do custo do proxecto, en función do tamaño da empresa, do proxecto ou da tecnoloxía a instalar. Os vinte millóns de euros distribúense en catro anualidades, do 2021 ao 2024.

Trámites

As entidades que queiran optar ás axudas deberán presentar a solicitude por medios electrónicos. Ao ser unha convocatoria non competitiva, se se esgotan os fondos dispoñibles as peticións que cheguen incluiranse nunha lista de espera. Así, cando se produza unha denegación, renuncia ou diminución das solicitudes con fondos asignados, estes poderán reverterse nos expedientes que están en lista de espera.

Outra condición para optar ás subvencións habilitadas pola Xunta é non contar con outro tipo de axudas destinadas á mesma finalidade, «procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais». O Instituto Enerxético de Galicia publicará na súa páxina web a listaxe de solicitudes concedidas, cos beneficiarios e importe das mesmas.

En conxunto a Xunta confía en que os vinte millóns de subvencións permitan mobilizar o triplo de fondos, pero tamén que as entidades aforren uns 65.000 megawatts hora ao ano e logren unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, o que equivalería ao que conseguen 1.150.000 árbores.

Fonte: La Voz de Galicia