A Axencia Galega de Innovación destinará 12 millóns de euros en 2013 para fomentar a I+D en pequenas e medianas empresas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de presentar oficialmente a Axencia Galega de Innovación. Esta entidade recibirá unha achega de 12 millóns de euros para este ano, cantidade que se dirixirá a promover programas de innovación público-privados para pequenas e medianas empresas; así como a posta en marcha dunha liña de axudas que permitirá mobilizar até un total de 24 millóns de euros.

Durante o acto de presentación, Feijóo afirmou que detrás da Axencia se atopa o empeño institucional dun goberno "que reitera que unha das prioridades, durante esta lexislatura, volve ser a innovación". E expresou o desexo de que nela se vexan as universidades, os centros tecnolóxicos e os emprendedores; "todos temos que ser protagonistas para beneficiarnos e engrandecer a economía galega que, en definitiva, é o obxectivo da Axencia de Innovación".

"Creo que a Axencia que hoxe presentamos pode ser unha excelente guía para conseguir este éxito colectivo. Necesitamos da implicación e do compromiso de todos os axentes do sistema galego de I+D+i. Temos a materia prima, potencial humano que se reparte nas universidades, nos centros tecnolóxicos e empresas. Sei que contamos tamén coa vontade do noso tecido produtivo para apostar pola I+D+i. E temos a planificación e os recursos, que centralizará, a partir de agora, esta Axencia de Innovación. Convídovos a utilizala. Cooperar para innovar, e innovar para crecer; ese é o noso obxectivo", aseverou.

Feijóo subliñou que a estratexia de innovación para os próximos anos non pode ser un arquipélago de illas inconexas entre si, senón a suma ordenada, planificada e priorizada de todos os actores, "que teñen distintas responsabilidades, pero que deben camiñar da man". E, neste sentido, referiuse ao Observatorio da Innovación en Galicia, integrado na Axencia, así como ao Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e á Plataforma da Innovación Galega, que buscan propiciar esa interacción entre todos os axentes innovadores da nosa terra.

Ademais do compromiso da Xunta, reflectido en máis recursos; o presidente autonómico afirmou que esta vontade investidora debe seguir indo acompañada da colaboración intelixente entre a Xunta e o Goberno central, que contou con esta comunidade para pór en marcha importantes proxectos de innovación –Hospital 2050 e Innova Saúde, Programa Innterconecta ou a Estratexia de Innovación–; e dos investigadores e dos emprendedores, "xa que a súa implicación é a única vía para que podamos aproveitar estes recursos".

Polo que respecta a este último aspecto, Feijoo resaltou o éxito da primeira convocatoria do Programa Feder-Innterconecta e animou a presentar xa os proxectos para a segunda convocatoria.

Estratexia de Especialización Intelixente

Feijóo afirmou que a Axencia de Innovación debe ir preparándose con novas liñas de actuación, que permitan cada ano dar un paso máis respecto ao ano anterior. "Con ese obxectivo, en 2013 imos executar o primeiro paquete de actuacións correspondentes á aplicación da Estratexia Estatal en Innovación en Galicia. Dos 35 millóns de euros que dispón a nosa comunidade, este ano poremos xa a disposición un investimento de 8 millóns de euros", explicou.

E coa vista posta xa en 2014, o presidente do Goberno galego adiantou que a Xunta traballa xa noutra iniciativa: a Estratexia de Especialización Intelixente, requirida pola UE para seguir tendo acceso a fondos estruturais no período 2014-2020. "Estes recursos ascenderán a 2.000 millóns de euros, dos que 1.200 millóns irán especificamente destinados á innovación, ás pemes e á eficiencia enerxética, contribuíndo así a aposta que nestes ámbitos estamos a realizar a través de organismos como o Igape ou o Inega".

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego insistiu en que a aposta pola innovación non ten volta atrás. "Innovar para crecer, ese é o noso compromiso como proba, por exemplo, a Lei de Investigación e Innovación, recentemente aprobada polo Consello da Xunta, e que pretende ser un marco normativo no que tentar que cada euro investido en materia de innovación atope o maior rendemento social e, en consecuencia, económico", afirmou.

Pola súa banda o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, insistiu en que "a Axencia Galega de Innovación nace co obxectivo de focalizar e planificar a innovación ao redor dos sectores nos que Galicia poida alcanzar un maior retorno en termos de crecemento e riqueza". Neste sentido, subliñou que é necesario dar resposta ás necesidades reais de innovación das empresas galegas para conseguir unha innovación eficaz. "Trátase de deseñar xuntos o modelo económico que queremos desenvolver no que a Innovación sexa a peza fundamental para que o noso tecido produtivo gañe competitividade permitíndonos conseguir o crecemento económico", sinalou o conselleiro.

Conde destacou, tamén, os avances xa conseguidos na captación de fondos Europeos do 7ª Programa Marco. "O éxito na captación de fondos neste programa comunitario reflicte o talento e a calidade que mostran os proxectos galegos presentados", sinalou o conselleiro, que destacou a importancia de alcanzar a "colaboración e o esforzo conxunto para sentar as bases do noso modelo produtivo que marcará o futuro económico de Galicia". Para conseguilo, afirmou que "resulta fundamental a cooperación público-privada entre empresas, centros tecnolóxicos, universidades, centros de investigación e administración pública". "O traballo conxunto e a busca de sinerxías entre os diferentes axentes da innovación son o camiño a seguir", remarcou, "e para iso a Axencia Galega de Innovación pretende ser unha ferramenta ao servizo dos empresarios, sobre todo dos emprendedores".

(Fonte: Innovamás)