Os avances que cambiarán a aviación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
En trinta ou cincuenta anos, ¿que tipo de 'fauna aeronáutica' habitará os ceos? ¿Serán unha realidade os avións transparentes? ¿Imprimiranse en 3D? ¿Botaremos man da realidade virtual para adestrar os futuros pilotos?

Os fabricantes de aeronaves xa non só teñen en conta a seguridade e a comodidade do pasaxeiro, senón que tamén exploran aquelas vías que ofrecen os novos materiais e os últimos avances tecnolóxicos para desenvolver aparatos igualmente sólidos, pero máis lixeiros e máis eficientes, capaces de consumir e de contaminar menos.

¿É un paxaro, é un avión?

Os avións do futuro -os que visualizamos nuns 30 ou 40 anos- poderían imitar a estrutura ósea das aves. Estariamos ante as chamadas estruturas biónicas, que Airbus considera alcanzables nas próximas décadas.

Os ósos dos paxaros son fortes e lixeiros á vez, porque o seu interior é poroso e só se tensa onde é necesario, facilitando que haxa máis espazo no resto da estrutura. Deste modo, mediante o uso de estruturas biónicas, a fuselaxe do aparato tería a forza e a solidez axeitadas, ao mesmo tempo que permitiría aproveitar ao máximo o espazo adicional sempre que fose conveniente.

As vantaxes, pois, deste tipo de estrutura, atopámolas na redución do peso da aeronave, no aforro de combustible e no maior aproveitamento dos espazos, dando lugar, por exemplo, a portas de embarque de maior tamaño ou a ventás panorámicas.

¿Avións transparentes?

O que propoñen fabricantes como Airbus é a posibilidade de crear un avión transparente, practicamente na súa totalidade. Os pasaxeiros poderían gozar de vistas en 360 graos mentres sobrevoan calquera parte do mundo- antóllase absolutamente incrible-.

Con membranas de biopolímeros recubrindo a estrutura biónica poderíase controlar a humidade, a temperatura e a cantidade de luz natural que entra no interior do avión, regulando a transparencia ou a opacidade e eliminando a necesidade de ventás.

¿Avións impresos en 3D?

A impresión en 3D veu para quedar e para demostrar que pode ser eficaz en practicamente todos os sectores e ámbitos das nosas vidas. ¿Voaremos algún día nun avión que foi totalmente impreso en 3D? Hoxe por hoxe parece imposible e os expertos tamén o descartan, pero, insistimos, a día de hoxe.

Do que si están a botar man algunhas compañías aeronáuticas é da impresión de pezas non estratéxicas dos aparatos. No Airbus A350 atópanse máis de mil pezas impresas en 3D, máis que en calquera outro avión comercial.

Tamén se imprimen actualmente algunhas ferramentas que se usan durante a fabricación de aeronaves. Son ata un cincuenta por cento máis lixeiras e aforran un noventa cento de materia prima.

A impresión en 3D reduce tempo e custos, ademais de elaborar produtos máis lixeiros. A tendencia indica que o seu uso irá en aumento nos próximos anos.

Ocio multitarefa

Traballamos no portátil, temos a televisión acendida e consultamos o móbil cada pouco tempo. Non é sinal de que poidamos facer moitas cousas á vez, non confundamos, pero si é certo que dá boa mostra de ata onde evolucionaron os nosos hábitos de consumo.

Hábitos que ata o momento non podiamos trasladar ao interior dun avión. Ata agora, porque a compañía francesa de electrónica Thales desenvolveu un sistema de entretemento a bordo, denominado AVANT. Por agora, só nas cabinas de primeira clase ou business.

Trátase de monitores de vídeo de alta definición integrados nos respaldos dos asentos e controlados por un Avii, un control remoto similar a un teléfono intelixente con navegación intuitiva e baseado en arquitectura Android.

Funciona a xeito de segunda pantalla e permite aos usuarios, por exemplo, explorar as puntuacións doutras películas mentres están a ver unha no monitor principal. Ademais, os 'smartphones' dos pasaxeiros poden sincronizarse co sistema.

Deste modo, son capaces de buscar películas e deixalas seleccionadas antes de subir ao avión, ou ben gardar aquela película que non remataran de ver para posteriormente continuar o seu visionado dende onde o deixaron.

Os pasaxeiros terán acceso a unha ampla selección de aplicacións conectadas, carga por USB de alta potencia e tecnoloxía NFC, entre outros. Algunhas compañías como Turkish Airlines e Singapore Airlines xa anunciaron que instalarán este sistema.

Control ocular da pantalla

Tamén Thales está a traballar xa na tecnoloxía de control ocular. Aínda que aínda non é unha realidade, poderiamos darlle a benvida nun prazo de cinco a sete anos -á volta da esquina, como quen di-.

Os monitores de entretemento poderían controlarse cos movementos do ollo. Así, por exemplo, se un pasaxeiro que está a ver unha película mira cara a outro lado por calquera motivo e aparta a vista do monitor, a pantalla deteríase inmediatamente e continuaría reproducíndose cando volvese detectar contacto visual.

Holograma a bordo

Os futuros avións poderían incorporar tecnoloxía holográfica e proxectar imaxes tridimensionais de interese para os pasaxeiros.

Segundo Airbus, unha cabina privada podería recrear o propio cuarto do pasaxeiro, como se estivese na súa casa. Todo, grazas á proxección de decorados virtuais. En trinta anos, "a tecnoloxía holográfica avanzaría tanto que o mundo virtual será indistinguible do real".

Pilotos adestrados mediante realidade virtual

A realidade virtual podería aterrar no mundo da aeronáutica para axudar a formar os futuros pilotos.

A compañía Singapore Technologies Engineering, dedicada á enxeñería, xa desenvolveu unha ferramenta de simulación de realidade virtual deseñada para adestrar pilotos comerciais. Estas lentes permítenlles traballar sobre unha cabina de mando virtual e recibir a instrución de operacións aéreas mediante un controlador secundario ou por medio de sensores de movemento.

A empresa asegura que con este método se reducirían os custos de adestramento, dado que o sistema se podería reconfigurar para distintos modelos de avións e farían falta menos instrutores.

Materiais 'verdes' e intelixentes

A todo o anterior, habería que engadir a utilización dunha gran variedade de materiais -aínda en desenvolvemento- que marcarían unha gran diferenza na nosa forma de vida.

Estamos a falar de materiais ecolóxicos, que poden reciclarse; de materiais metamórficos, que poden cambiar de forma e recuperar a súa aparencia orixinal; e de materiais intelixentes, capaces de realizar numerosas funcións, como auto-repararse, auto-limparse, conectar o pasaxeiro co avión, etc. Materiais que poderían aforrar quilómetros de cables, presentes hoxe en día en calquera avión.

Tamén se implementarían solucións intelixentes de enerxía. Por exemplo, os asentos poderían recoller a calor do corpo e esa enerxía combinaríase con outras fontes para alimentar os aparatos da cabina.

O plan da nasa: double bubble d8

A NASA, a Axencia Espacial estadounidense, ten as súas esperanzas nun proxecto de avión que bautizaron como 'Double Bubble D8'', algo así como ''Dobre Burbulla D8''.

Un avión cun bo puñado de sorpresas baixo as súas ás: uso dun setenta por cento menos de combustible, menos contaminante, máis seguro, máis rápido e máis silencioso que os actuais avións comerciais.

Este concepto de deseño de "dobre burbulla" saíu das entrañas dun equipo de investigación do prestixioso Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). Podería sobrevoar os ceos en cuestión de dúas décadas. Segundo os seus cálculos, estaría listo para 2035, cando se prevé que o tráfico aéreo sexa o dobre do que hai hoxe en día.

(Fonte: EP)