A automoción galega culmina con éxito un prototipo europeo que logra que a batería gaste un 57% menos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

"O coche do futuro será eléctrico", afirma con rotundidade Luis Moreno, director xeral do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), cada vez que ten oportunidade. Esta infraestrutura de innovación para o automóbil, situada no Porriño, é un dos catorce socios de nove países da Unión Europea, que deron coa solución para que o vehículo eléctrico gañe autonomía.

A investigación do prototipo (que nace do proxecto Jospel) parte da premisa de que se a aposta dos Gobernos é a mellora da calidade do aire das cidades, cun uso masivo do automóbil eléctrico, é necesario eliminar o grande obstáculo que -xunto co prezo do vehículo e a falta de infraestruturas- fai que o coche eléctrico sexa aínda pouco apetecible: a limitación da distancia que se pode percorrer cunha recarga.

O resultado da súa investigación e posterior posta a proba é un aforro de enerxía do 57% nos sistemas de calefacción do coche eléctrico. Ademais, grazas a unha mellor xestión térmica, a vida útil das baterías ampliouse nun 15%.

¿Como o consegue? Con materiais que conseguen aforrar en calefacción. Segundo os investigadores, un automóbil eléctrico pode consumir ata o 40% da enerxía no confort térmico do pasaxeiro e, en condicións extremas, mesmo máis. O que fai este vehículo, en vez de calefactar todo o aire da cabina, que é o que se fixera ata agora, é equipar un sistema radiante polo que só se quentan as superficies próximas ao pasaxeiro.

Fontes do CTAG explican que a súa misión se centrou no deseño de compoñentes feitos con plástico flexible. O resultado é a posibilidade de calefactar a porta, o chan, o teito, unha parte do asento e o repousabrazos, entre outros elementos do coche. O prototipo europeo, dotado cun presuposto de 6,7 millóns de euros a través do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, xa está rematado. "Agora, o seguinte paso é ofrecer estas tecnoloxías ás produtoras de vehículos eléctricos para avanzar cara a unha sociedade máis sustentable", di a directora de Jospel, Itziar Carracedo.

Laboratorio de baterías

O CTAG é un centro creado no ano 2002 como unha fundación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é o crecemento e a mellora da competitividade da industria do automóbil de Galicia. Actualmente está a construír un novo laboratorio de ensaios para baterías no que se investirán máis de 2 millóns de euros. Nesta infraestrutura, os técnicos do centro poderán levar a cabo todo tipo de probas sobre as células de ión-litio e doutros materiais que se utilizan para a elaboración das baterías, así como dos sistemas de motopropulsión e aproveitamento da enerxía do vehículo, explican dende este centro, que é un socio estratéxico de PSA Vigo.

O grupo francés decidiu dar un paso á fronte en cuestións de mobilidade eléctrica. No 2025, todos os modelos do grupo contarán con polo menos unha versión 100% eléctrica. E iso pasa por fabricar tamén en Galicia. A finais deste ano o novo Peugeot 2008 empezará a súa produción, tamén na súa variante eléctrica, na planta de Vigo. Actualmente, a factoría galega de PSA xa fabrica ao día unha media de dez vehículos eléctricos da gama comercial.

(Fonte: La Voz de Galicia)