Se sentes curiosidade polas inquietudes científicas e innovadoras dos profesionais do futuro este xoves día 14 podes coñecelas de primeira man achegándote á xornada de portas abertas que os alumnos e alumnas das Aulas Tecnópole celebran a partir das cinco da tarde.
Os 120 estudantes de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato que todos os mércores e xoves se achegan en dúas quendas ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar nesta iniciativa serán os encargados de explicar os seus proxectos, en desenvolvemento dende hai dous meses.
Ademais de ensinar as instalacións nas que traballan en equipo, farán as súas exposicións no salón de actos do edificio CEI e implicarán os asistentes en actividades relacionadas cos proxectos que están a realizar, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os seus ámbitos de traballo abranguen diversas áreas de coñecemento, dende as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias e as humanidades.
Esta iniciativa enmárcase no programa de divulgación da ciencia e da innovación que Tecnópole leva a cabo dende os seus inicios para achegar a súa actividade á sociedade e contribuír a espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre os máis novos.
Os participantes no curso terán ocasión de presentar os seus proxectos na Galiciencia, a feira científica e de innovación que organiza Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia, e noutros certames estatais, como 'Novos Investigadores' do Ministerio de Ciencia e Innovación, e internacionais, como o 'Junior Water Prize'.
(Fonte: Tecnópole)