Así será a enerxía do futuro: biopilas para o almacenamento biolóxico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A busca de fontes de enerxía sostible é un dos grandes retos da nosa sociedade. E se falamos de saúde aínda máis. O Instituto Tecnolóxico da Enerxía (Ite) está a traballar no desenvolvemento de sistemas de almacenamento de enerxía biolóxicos que permitan alimentar dispositivos médicos sen empregar outra enerxía que a propia que xera o corpo humano. O proxecto BioSenseCell permite desenvolver biopilas, dispositivos que conseguen a enerxía do propio organismo humano.

Hoxe por hoxe, os marcapasos (eses pequenos dispositivos que perciben cando o corazón está a latexar de xeito irregular e envían un sinal ao corazón para que poida latexar ao ritmo correcto), aliméntanse con pilas de litio que, co tempo, se esgotan. O paciente ten entón que someterse a unha nova intervención para recargalo co risco que iso supón para o paciente e o gasto que implica para a sanidade.

O proxecto BioSensCell do Ite ten como obxectivo que a enerxía que alimenta o dispositivo non se remate nunca. Por iso desenvolve eléctrodos enzimáticos para empregalos como biopilas e biosensores. O reto é conseguir inmobilizar enzimas para que unha vez "encerradas" xeren a enerxía necesaria para alimentar a biopila ou para emitir un sinal determinado para un biosensor.

As biopilas, como contan dende o Instituto, poden así obter enerxía dun combustible biolóxico como pode ser a glicosa, que se atopa en varios fluídos corporais como o sangue, a suor, a saliva ou as bágoas. Estas biopilas permiten cargar dispositivos médicos como marcapasos, implantes cocleares ou bombas de insulina ou de dispositivos de monitorización para control da frecuencia cardíaca. Un sistema que non só evitaría que o paciente tivese que someterse a novas intervencións para recargar as súas baterías, senón que, ademais, permite que estes dispositivos sexan máis pequenos e estables.

(Fonte: Innovadores)