Así será o edificio do futuro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Tecnoloxías emerxentes como o Internet das Cousas, o 'big data' e os sistemas intelixentes de xestión da edificación están a revolucionar o sector da construción. Un empregado accede a un edificio intelixente. Non necesita utilizar unha tarxeta de identificación porque o sistema de recoñecemento facial autentica o seu acceso. Grazas a unha aplicación no seu smartphone, pode reservar doadamente unha sala de reunións, pedir o almorzo ou localizar un posto de traballo libre para a xornada.

Na súa cadeira de traballo, un sensor indícalle cando debe levantarse e como mellorar a súa postura para evitar problemas musculares. Ao entrar na sala de reunións, axusta doadamente dende o móbil a luz e temperatura idóneas. Antes de irse, reserva dende a aplicación unha praza de garaxe libre para a seguinte xornada.

Son só algúns exemplos de como as novas tecnoloxías poden cambiar o contorno de traballo no marco dos edificios intelixentes. Tecnoloxías emerxentes, como o Internet das Cousas (IoT), o big data e os sistemas intelixentes de xestión da construción están cambiando de forma radical o modo no que se deseñan, constrúen e xestionan os edificios modernos, segundo destaca o recente informe Smart Working elaborado por Unwork e Schneider Electric.

"Os modelos convencionais de deseño do lugar de traballo, que se centraban exclusivamente na redución dos custos e a eficiencia, están sendo substituídos rapidamente por modelos máis dinámicos e áxiles que tratan de incrementar a produtividade, a colaboración entre empregados e o seu benestar", explica Owen King, consultor de Unwork.

Sensores

The Edge, un edificio de oficinas de 40.000 metros cadrados en Ámsterdam, conta con 28.000 sensores que monitorizan todo, dende a ocupación dos lugares de traballo ata a limpeza nos baños. Por exemplo, as máquinas de café avisan cando quedan sen subministración e os secamáns dos baños alertan os equipos de servizo de cando deben ser limpados.

Ao igual que en The Edge, os edificios de oficinas do futuro próximo disporán de centos de miles de sensores instalados que monitorizarán dende o rendemento das luces ata o benestar dos empregados. Por exemplo, os datos sobre a calidade do aire interior, os niveis de luz e ruído ou mesmo da actividade dos empregados que recollen sensores e wearables permitirán ás empresas elaborar intervencións positivas sobre a saúde e o benestar dos seus traballadores, di o informe.

"Os empregados que experimentan este tipo de servizos nun edificio esperan atopalos noutros. Por iso esperamos un efecto dominó que conducirá a unha implantación máis ampla", incide King.

O IoT abre tamén a porta da análise preditiva. Un software que funcione sobre unha rede neuronal é capaz de identificar patróns ao examinar datos pasados para anticipar eventos. Por exemplo, ao analizar os datos de sensores de edificios e combinalos con datos externos, poderase predicir cantos usuarios poderían estar presentes nun día determinado e organizar os servizos de acordo a esa predición.

E non se estrañe sen no futuro, grazas ao avance da intelixencia artificial e o procesamento de linguaxe virtual, atope conserxes virtuais nos edificios cos que se poida interactuar.

Xestión intelixente

A intelixencia é, ademais, clave na xestión de edificios. A tendencia pasa por crear sistemas que actúen como o sistema operativo dun edificio, un único cerebro ao que se conecte todo e que controle o edificio, en vez de compartimentos estancos como ata agora. "As eficiencias operacionais xeradas poden reducir os custos habituais en consumos de luz e auga, así como os custos de xestión", explica King.

Tampouco hai que esquecer o impacto ambiental, posto que se estima que os edificios supoñen preto do 40% do consumo total de enerxía e o 36% das emisións de carbono. As solucións avanzadas en xestión enerxética fan que o consumo primario de enerxía en Torre Majunga (París) sexa cinco veces menor que calquera edificio típico de oficinas, mentres que a súa pegada de carbono é catro veces menor que a doutras torres da capital francesa.

A produción de enerxía permite que os edificios mesmo contribúan á rede enerxética dun país en vez de ser meros consumidores, como acontece coa oficina de Cooperative Group en Manchester (Reino Unido), que devolve o exceso de enerxía que produce á rede eléctrica de Reino Unido.

(Fonte: Expansión)