De que na actualidade se vive un novo bum das renovables non cabe dúbida. Amparados na revolución que virá cando se controle a pandemia, impulsada polos 140.000 millóns de euros de fondos Next Generation da UE, avecíñase unha nova eclosión da enerxía verde. En Galicia próbao o feito de que nunca se presentaron, en tan pouco tempo, tantos proxectos de novos parques eólicos.
Esta 16ª edición de Galiciencia, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación, xa ten gañadores do seu concurso de proxectos. O primeiro premio recaeu en “VibroSwim”, de Pablo Pedrosa e Guillermo Giacone, do CPR Las Acacias-Montecastelo de Vigo, un sistema que axuda aos nadadores profesionais con cegueira total a coñecer os límites da piscina.
A prolongada escaseza de semicondutores tamén golpea aos fabricantes de computadores, que os montan en PCs, teclados, ratos, webcams e auriculares. Ancorada na Tecnópole e con máis de 50 traballadores, Primux deseña e produce equipos de sobremesa, tablets e portátiles. O seu director xeral, Daniel Rodríguez, indica que, grazas "ao estudo de mercado e planificación realizada", o abastecemento de chips e compoñentes está "garantido" para poder atender a demanda da campaña de "volta ao cole". A partir de aí, a situación "para os seguintes meses non é demasiado alentadora".
O sector eólico mariño ten identificadas tres zonas nas costas galegas con moitas posibilidades para instalar a curto prazo (entre cinco e oito anos) parques offshore e unha delas estaría na área de Vigo.
O CTAG avanza no futuro do vehículo eléctrico. Neste caso, no relacionado co transporte de pasaxeiros. O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia colaborou no deseño de Nelec, a primeira carrozaría sobre bastidor eléctrico da empresa carroceira galega Grupo Castrosua. Os traballos do CTAG centráronse no deseño conceptual da liña exterior, do posto de condución e da zona de iluminación interior, así como no desenvolvemento 3D para a industrialización do exterior do vehículo (partes frontal e traseira do autobús).
Drons montados no polo aeronáutico de Rozas (Castro de Rei) usaranse na loita contra os incendios forestais. O emprego deses aparellos xa estivo presente na campaña do 2020 e dáse por seguro que na de 2021 tamén se empregarán. Segundo fontes da Consellería do Medio Rural, o ano pasado utilizáronse doce, mentres que o número dos que se usen neste aínda non está concretado.
Galicia pugna por facerse un oco no innovador e puxante sector biotecnolóxico. E farao da man da Administración. Así o destacou o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, durante a presentación da Estratexia de Consolidación do Sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025. Francisco Conde prevé que grazas a este plan se mobilicen máis de 600 millóns de euros, o dobre que no período anterior, para impulsar un crecemento verde e sustentable.
A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, e o Clúster TIC Galicia impulsarán a dixitalización empresarial para mellora da súa competitividade e crearán un portal de emprego tecnolóxico. A Xunta explicou que un convenio de colaboración asinado pola directora de Amtega, Mar Pereira, e o presidente do Clúster, Antonio Rodríguez del Corral, permitirá a posta en marcha de actividades para “o fomento da sociedade dixital no ano 2021” con vistas a cumprir os obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030.
O grupo Coren conseguiu reducir as súas emisións nun 45% nos últimos cinco anos, por enriba da media española, que se sitúa nun 38%. A cooperativa ourensá contribúe tamén á posta en valor do medio rural, onde recuperou 7500 hectáreas de terreo para a crianza en extensivo de animais e o cultivo de cereais, ademais de impulsar a recuperación dos bosques de castiñeiros para alimentar á súa gama Selecta.
NANOeaters, proxecto de Aimen Centro Tecnolóxico e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnología (INL), permitiu o desenvolvemento dun dispositivo microfluídico portable e funcionalizado para aplicacións biomédicas. O seu obxectivo é mellorar o filtrado de mostras sanguíneas de cara á extracción de plasma para o diagnóstico precoz de enfermidades cancerosas.