Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole celebra o próximo 14 de marzo o seu primeiro workshop centrado no ámbito da biotecnoloxía. Nel daranse cita empresas e entidades para asistir a unha serie de relatorios especializados e coa opción de participar en roldas de contactos e coñecer o laboratorio de biotecnoloxía de Tecnópole. A asistencia é gratuíta e o prazo de inscrición está aberto a empresas e entidades de toda España.
O II Afterwork Emprega Talento, "Emprendemento, valores e liderado,", congregou este martes a máis de 150 mozos e directivos no Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole. Durante a xornada falouse dos valores do deporte na empresa e o emprendemento no sistema educativo e debateuse sobre que buscan as empresas nos mozos e viceversa. Esta iniciativa, impulsada pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, coa colaboración de Tecnópole, ten por finalidade crear un espazo de networking e intercambio de talento entre mozos e directivos.
Unha quincena de empresarios de Tecnópole compartiron a semana pasada un xantar-coloquio co presidente executivo de Otto Walter, Paco Muro, sobre o impacto da calidade directiva en tempos de crise. Este encontro, propiciado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), permitiu aos empresarios coñecer as actitudes máis axeitadas para enfrontar a súa función como directivos en situacións de dificultade como a actual.
A idea de negocio que resulte gañadora do Premio ao Mellor Proxecto Empresarial do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo poderá desenvolverse na preincubadora de Tecnópole. O proxecto vencedor presentarase este xoves na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.
A Consellería de Economía e Industria convocou axudas por preto de tres millóns de euros para mellorar a competitividade dos centros tecnolóxicos galegos.
Unha empresa dedicada ás próteses á medida para animais foi a vencedora da segunda edición do Premio Bancaja de Novos Emprendedores que outorga a Universidade de Vigo.
Preto da metade das empresas máis innovadoras en España basea os seus novos produtos en ideas que xa foron desenvolvidas pola competencia, segundo sinala un estudo da Universidade Pablo de Olavide. A análise, que se levou a cabo sobre unha base de 400 empresas de sectores como a química, as telecomunicacións e o automóbil, destaca que só o 7,5% centra o seu negocio na xeración de innovación dentro da propia compañía.
As empresas tecnolóxicas aumentaron un 7,4% no período 2010-2011 en Galicia, ata rozar case as 2000, segundo a análise sobre o emprego neste sector e na economía do coñecemento elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
O Consello de Ministros autorizou a concesión das axudas correspondentes á convocatoria do ano 2011 do Programa INNPRONTA. Esta iniciativa, convocada polo Ministerio de Economía e Competitividade a través da Secretaría de Estado de I+D+i, está dirixida a subvencionar grandes proxectos de investigación industrial de carácter estratéxico, gran dimensión e longo alcance científico-técnico, en áreas tecnolóxicas de futuro, con proxección económica e comercial a nivel internacional.
Os nanotubos de carbono volven ser noticia. Un grupo de científicos do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT, do inglés Massachusetts Institute of Technology), unha institución de educación superior privada situada en Cambridge (Massachusetts) conseguiu desenvolver unha nova fonte de enerxía baseada neste material.