Apparcar: de Galicia a Reino Unido para facilitar o aparcamento

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A startup galega Apparcar, investida por Wayra España (a aceleradora de Telefónica Open Future), foi adquirida pola compañía británica Imperial Civil Enforcement Solutions co fin de implantar a súa tecnoloxía en Reino Unido.

Apparcar desenvolveu unha aplicación móbil para iOS e Android que axuda aos condutores a atopar unha praza libre de aparcadoiro, guiándoos ata o seu destino a golpe de click. A solución, gratuíta para os usuarios finais, instálase nas cidades grazas a acordos con concellos e xestores de parking, que ven como principais beneficios unha mellor xestión do tráfico e unha menor contaminación.

Apparcar desembarca en Reino Unido tras realizar probas en cidades como Madrid, Santiago de Compostela, Oviedo e Northampton, con máis de 7000 condutores. Un dos valores diferenciais da app é que non utiliza sensores nin ningún outro tipo de hardware para identificar que prazas están libres. "O éxito das probas en España xerou interese en moitos países e en especial en Reino Unido", destacou Jose Luis Leirós, cofundador de Apparcar, que subliña "o importante reto que teñen as cidades por diante para facer do aparcamento algo sinxelo e áxil". Neste sentido, a app permite obter información da ocupación en tempo real para que condutores e xestores poidan tomar sempre as mellores decisións.

Tras a adquisición da startup por Imperial, Leirós confía en que Apparcar "se instale noutros países". A empresa mostrou a súa tecnoloxía recentemente en citas como o Smart City Expo World Congress 2015, celebrado en Barcelona, e Parkex 2016, que tivo lugar recentemente en Reino Unido.

"Apparcar é unha solución moi sinxela e eficaz que proba que é posible ter o mellor de dous mundos: por un lado, é un servizo fiable e cómodo para os condutores, e por outro, permite un mellor control do estacionamento para os xestores", valorou tras a compra Ashley Bijster, director xerente de Imperial. Ao seu modo de ver, a aplicación "fai desaparecer a frustración, incerteza e incomodidade de buscar unha praza libre, o cal facilita ás autoridades locais o desconxestionamento do tráfico, o control do estacionamento e simplifica os procedementos".

Pola súa parte, Andrés Saborido, Country Manager de Telefónica Open Future España, puxo como exemplo a venda de Apparcar como modelo do que queren conseguir "con todas as startups que pasan polos nosos espazos de aceleración".

(Fonte: Innovaspain)