Unha aplicación do Sergas e a USC predice a evolución de enfermos de coronavirus

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Unha muller de 55 anos que fuma, ten obesidade e padece hipertensión que recibise un diagnóstico positivo en Covid por PCR e atópese en seguimento domiciliario ten un 23,18% de risco de precisar hospitalización, un 2,4% de ingreso na unidade de coidados intensivos e un 0,58% de chegar a falecer. Para un home de 60 con insuficiencia cardíaca e obesidade o risco de ter que acabar nunha cama de hospital elévase ao 48 por cento e tamén aumentan as expectativas de ter que recorrer á UCI, até o 8,29%, e de morrer, até o 2,23%. Son un par de exemplos extraídos da aplicación en liña galCovid, unha ferramenta desenvolta por un equipo multidisciplinar do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) -USC e Sergas- formado por médicos, epidemiólogos e bioestatísticos.

Na páxina da aplicación, os seus autores explican que “as manifestacións clínicas dos pacientes con Covid-19 varían desde unha posible infección asintomática até a pneumonía, que pode derivar nunha síndrome de dificultade respiratoria aguda, insuficiencia multiorgánica e, en última instancia a norte”. Aclaran que ao redor de oito de cada dez casos notificados teñen síntomas leves, pero entre un 15 e un 20% restante deriva nunha pneumonía grave que provoca a morte a entre o 1 e o 5% de casos.

A partir de dous estudos sobre a enfermidade, os investigadores explican que propoñen dúas calculadoras para “predicir a evolución” da doenza nun escenario de PCR positivo en seguimento domiciliario e noutro xa de hospitalización. No primeiro, calculan o risco de ter que ser ingresado en planta, na UCI e a morte e teñen en conta para iso idade, sexo e comorbilidades crónicas, como diabetes, obesidade, hipertensión, EPOC ou asma, entre outras, ofrecendo os resultados para cada posible situación encadrados en tres niveles de risco -baixo, intermedio ou alto- segundo o dato da porcentaxe resultante.

A segunda, a calculadora de hospitalización, “predí” o progreso da enfermidade nun paciente xa ingresado cara a tres supostos: UCI, ventilación mecánica invasiva e morte, e fano partindo de cinco “preditores” que se determinan nas 24 horas posteriores ao ingreso en planta: idade, diabetes, reconto de linfocitos, saturación de osíxeno e pH en sangue.

A investigación, na que colaborou o Comité Español de Matemáticas, foi financiada polo Instituto de Salud Carlos III e foi posible, como indican na súa páxina os autores, grazas á Xunta, que, explican, facilitou datos anónimos dos pacientes. Como “descargo de responsabilidade”, na web explicitan que “esta aplicación non debe considerarse un consello médico”, senón que a información que contén está destinada “unicamente a fins educativos e de investigación científica”.

“A información proporcionada non substitúe en ningún caso a atención médica e nunca debe substituír ao consello do seu médico ou outro profesional sanitario, nin utilizarse como alternativa a unha consulta médica”, avisan.

Fonte: Faro de Vigo