Alumnas das Aulas Tecnópole resultan premiadas no maior certame científico de España polo seu detector de radiacións caseiro testado sobre Ourense

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O deseño dun detector de radiacións caseiro económico, realizado por Iria Míguez e Alba Cortés, foi merecedor do segundo premio do maior certame científico escolar de España, a Exporecerca, na categoría do segundo ciclo de Secundaria. O sistema, que foi usado para avaliar as posibles zonas con risco radiactivo en Ourense, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellería de Economía e Industria. As creadoras do detector foron galardoadas coa súa participación na feira de ciencias que se celebrará en Bratislava (Eslovaquia) na segunda quincena de novembro de 2012.
 
Máis da metade do total dos proxectos defendidos neste certame por alumnos galegos resultaron galardoados, a maioría deles coa asistencia a feiras internacionais e estancias titorizadas en centros de investigación. Os premios foron conseguidos en competencia con rapaces e rapazas de toda España e, tamén de países como Eslovaquia, Bélxica, Francia, Turquía, México e Brasil, como resultado do veredicto dun xurado experto ao final da Exporecerca, celebrada durante hai uns días en Barcelona.
 
Os estudantes do Colexio Guillelme Brown, de Ourense, acapararon seis dos premios logrados pola delegación galega na Exporecerca. Dous dos seus equipos viaxarán a Rusia en xuño para participar na Exposcience Europe grazas a que se fixeron con dous primeiros premios na categoría de primeiro ciclo da ESO. Alejandro Vázquez Paradela e Daniel Rodríguez Losada desenvolveron o denominado por eles 'supergoma' de mascar, unha goma de mascar que incorpora nutrientes dos que é deficitaria a nosa dieta habitual. Este proxecto foi recoñecido por partida dobre, xa que obtivo tamén o Premio Ciencias da Saúde concedido polo Hospital da Santa Creu i de Sant Pau e dotado cunha xornada de traballo titorizada por un médico neste centro hospitalario.
 
Pola súa parte, Emma Lorenzo Casas e Sofía Justo Villar realizaron un estudo sobre o uso de sepiolitas (coñecidas como area de gato) como sistema para reter a humidade no chan e aplicalo aos cultivos en zonas áridas que as levará tamén a Rusia e que foi ademais recoñecido co Premio Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o que lles permitirá afondar na súa investigación durante unha semana nun dos centros do organismo baixo a tutela dun experto.
 
A bolsa térmica elaborada con illantes naturais por Laura H. Iriarte Navas e Fabiola Sousa Martín, tamén do Guillelme Brown, conseguiu o segundo premio na categoría de primeiro ciclo da ESO, dotado coa participación na Feira Westenschaps de Bruselas (Bélxica) a finais deste mes de abril.
 
O último dos proxectos do colexio ourensán recoñecidos na Exporecerca trata sobre a aplicación dos fluídos non Newtonianos ás punteiras das zapatillas de ballet, desenvolvido por Enia Gándara Fernández e Uxía Ayala Regal, recoñecidas cun accesit pola súa idea de usar a maizena para obter punteiras que se adapten mellor aos pés das bailarinas.
 
Ademais, Gabriel Dapena, Mariana Cabaleiro e Claudio Gómez, do Colexio Alborada de Vigo, conseguiron outro accesit polo seu estudo dos fentos pola ruta do río do Fraga, que lles permitiu exhibir un cartel cos datos destas plantas situadas nas distintas zonas, así como unha breve descrición para que o camiñante poida ir identificando estas especies.
 
Iniciativas de divulgación
 
As Aulas Tecnópole son unha iniciativa de impulso á divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia, ao igual que sucede cos 'Espectáculos de ciencia' que durante estes meses están a levar actividades divulgativas a 8000 estudantes de toda Galicia. Todas estas iniciativas están orientadas a espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
 
Polo que respecta ás Aulas Tecnópole, os estudantes trasládanse unha tarde por semana ao Parque Tecnolóxico de Galicia, onde levan a cabo os seus proxectos en equipo e axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, reciben deles formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa.
 
(Fonte: Tecnópole)