Airbus pecha un megacontrato de 430 avións do que participará Coasa

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Airbus anunciou hai uns días o maior contrato da súa historia: 430 avións encargados polo fondo estadounidense Indigo Partners. Un pedido valorado, a prezo de catálogo -os construtores adoitan ofrecer descontos por volume-, en 42.000 millóns de euros que deixará unha substanciosa pedrea en Galicia.

Fontes do sector aeronáutico galego dan por segura a participación da ourensá Coasa (con sede en Tecnópole) e das súas filiais nese megacontrato, aínda que de momento é pronto, din, para concretar cal será a contribución concreta que terán as industrias da comunidade.

Os modelos encargados pertencen á familia do A320 Neo, un aparato no que Coasa (filial galega do grupo Aernnova) ten grande implicación, xa que fabrica dous importantes compoñentes: as portas do tren de aterraxe -a diferenza do A330 Neo, onde o 100% das unidades se fabrican en Galicia, no A320 Neo só o 25% se producen en Galicia, e o resto noutras plantas do grupo- e os spares do estabilizador horizontal.

O pedido, asinado durante a feira de aviación de Dubai, supón un impulso para Airbus nun momento de serias turbulencias para o grupo, involucrado en varias investigacións por corrupción, algunha das cales chegou xa aos tribunais, que poderían derivar en multas millonarias, poñendo mesmo en risco, segundo algúns analistas, o futuro do consorcio. De aí a importancia do contrato, que supera todos os pedidos recibidos por Airbus durante este ano (288 aparatos) e que lle permite superar ao seu gran rival, a estadounidense Boeing, que ata outubro recibira encargos de 605 avións, polos 718 que alcanza xa o grupo europeo.

"É un éxito esmagador para Airbus", felicitouse Fabrice Bregier, director xeral delegado da compañía, que destacou que o pedido confirma o tirón comercial do A320, un dos modelos máis vendidos da historia da aviación, con máis de 13.700 aparatos entregados ou en carteira de pedidos, 5200 deles da versión máis moderna, a Neo, que incorpora uns motores máis eficientes e uns dispositivos nos extremos das ás que melloran a súa aerodinámica, co que se reduce o consumo de combustible nun 20%. Cifras que superan amplamente as do 737 Max, o modelo rival de Boeing, do que se encargaron pouco máis de 4000 unidades (225 delas nun contrato con FlyDubai anunciado tamén esta semana).

Nove anos de carga de traballo

Con este macrocontrato, Airbus ten carga de traballo garantida para polo menos nove anos, con 7000 avións en carteira. As 430 aeronaves encargadas por Indigo Partners distribuiranse entre as catro liñas aéreas participadas polo fondo estadounidense: a estadounidense Frontier Airlines, a chilena JetSmart, a mexicana Volaris e a húngara Wizz Air.

Ademais, Airbus anunciou en Dubai a confirmación dun pedido de 90 A320 Neo para a compañía de alugueres CDB Aviation Lease Finance, con sede en Dublín, por valor de 5100 millóns dólares. O fabricante europeo tamén traballaba na firma doutro contrato importante, de máis de trinta superjumbos A380, con Emirates, pero este non se concretou e séguese negociando.

(Fonte: La Voz de Galicia)