AIMEN participa nunha investigación europea de cinco millóns para desenvolver unha tecnoloxía innovadora de reparación de estruturas de aceiro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro Tecnolóxico AIMEN forma parte do consorcio europeo que leva a cabo o proxecto de I+D+i Co-Patch, acollido ao VII Programa Marco da Unión Europea, cuxo obxectivo é desenvolver a aplicación de parches formados por materiais compostos como nova técnica de reparación de estruturas de aceiro, tanto navais (buques, plataformas, etc.), como de enxeñería civil (pontes, guindastres, etc.) ou aeronáuticas. O presuposto total para esta iniciativa supera os cinco millóns de euros, e conta cun financiamento de máis de tres millóns e medio de euros.

O consorcio está integrado por quince entidades –empresas, universidades e centros de investigación– procedentes de oito países distintos –España, Grecia, Reino Unido, Portugal, Italia, Francia, Noruega e Croacia–. Galicia ten unha presenza relevante neste proxecto, no que participa, ademais de AIMEN, o estaleiro vigués CARDAMA, achegando ambos a súa experiencia e especialización; o primeiro na área de materiais compostos, deseño, ensaios mecánicos e non destrutivos; e o segundo na reparación e construción naval.

Solución eficaz fronte ás limitacións tradicionais

Os defectos máis comúns que aparecen nos grandes armazóns de aceiro son as gretas debidas á fatiga e a corrosión, esta última cunha especial incidencia en ambientes mariños. Actualmente, as técnicas utilizadas para dar solución aos problemas de agretado implican a renovación do compoñente danado mediante o corte e soldadura dun novo. No caso da corrosión, se é severa, é incluso necesario substituír completamente o elemento afectado.

As técnicas tradicionais consumen moito tempo de traballo e son custosas, ou incluso son imposibles de aplicar, como nas estruturas de elevado peso sometidas a grandes cargas ou en contornos explosivos como os depósitos de buques, onde non se pode soldar e os riscos son moi altos.

Por iso, Co-Patch formula o uso de parches de materiais compostos e de fibra de carbono, que xa foron probados con éxito na industria aeroespacial con aluminio. Estes posibilitan a contención do avance de gretas, aliviando as tensións na zona afectada, ou ben reforzando unha área corroída, ampliando a vida útil do metal.

O arranxo con parches de materiais compostos achega múltiples vantaxes: é máis rápido, evita perigos en contornos inflamables por tratarse dunha técnica “fría”; pode colocarse directamente sobre o aceiro deteriorado realizando só unha preparación superficial sinxela; mostra boa resistencia á fatiga, non causa concentración de tensións (como ocorre na soldadura) e non supón un incremento significativo de peso.

(Fonte: AIMEN)