Aimen lidera un proxecto europeo que desenvolve sistemas de tratamento de augas residuais máis eficientes, económicos e sustentables

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O centro tecnolóxico Aimen lidera o proxecto europeo Highwet, co obxectivo de desenvolver sistemas de tratamento de augas residuais, tanto urbanas como industriais, máis sustentables e eficientes que os convencionais.

Estas plantas representan unha solución alternativa á problemática que existe en moitas poboacións inferiores a 10.000 habitantes e en pemes, que non dispoñen dun saneamento axeitado debido á enorme superficie e ao elevado custo que implica a construción de sistemas de tratamento convencionais.

O proxecto Highwet céntrase na combinación de sistemas anaerobios de alta carga, que permiten realizar un pre tratamento eficaz da auga residual sen necesidade de airear, o que implica un importante aforro en termos enerxéticos; e humedais construídos, que inclúen innovadores materiais absorbentes que imitan as funcións dos humedais naturais na eliminación de contaminantes existente nas augas residuais, como o fósforo. Ambas as dúas solucións caracterízanse por ser tecnoloxías de baixo custo, competitivas en termos de eficiencia e máis sustentables que os métodos de depuración existentes.

Grazas a esta iniciativa, poderase reducir a superficie dos humedais, xa que o sistema Highwet require unha extensión cinco veces menor que a dunha planta de humedais construídos convencionais; así como os custos construtivos derivados. Ademais, grazas ao emprego de materiais innovadores e do pre tratamento anaerobio, incrementarase a vida útil do humedal ao atrasar a colmatación do leito de grava nos humedais. Así mesmo, o sistema permitirá aumentar a capacidade de carga hidráulica e orgánica dos humedais convencionais e conseguirase unha maior eficacia na eliminación de materia orgánica, nutrientes e axentes patóxenos.

Para validar os sistemas deseñados no marco do proxecto puxéronse en marcha dúas plantas piloto: unha no campus da Universidade da Coruña, destinada a augas residuais urbanas; e outra en Purhus (Dinamarca), para o tratamento de augas residuais dunha industria alimentaria. Estas instalacións son as primeiras configuracións de sistemas anaerobios e humedais aireados construídos tanto en España coma en Dinamarca.

I+D+i europea

O proxecto Highwet, cun presuposto de 1,2 millóns de euros, é unha iniciativa financiada polo Sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea. Coordinada por Aimen, conta coa participación das empresas Sedaqua (España), Kilian Water Aps (Dinamarca) e Rietland bvba (Bélxica), da Universidade de Aarhus (Dinamarca) e da peme do sector alimentario KT Food Aps (Dinamarca), usuaria final do sistema de tratamento Highwet.

(Fonte: Innovamás)