O Agrobiotech Innovation Fest abre a inscrición cun formato totalmente renovado para a súa celebración o 22 de novembro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O evento de referencia en Galicia para a innovación nos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa renova totalmente o formato na súa terceira edición, que acaba de abrir a inscrición a través da web fest.agrobiotech.gal. O Agrobiotech Innovation Fest terá lugar o 22 de novembro no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole cun enfoque festivaleiro que inclúe novidades como os combates dialécticos nun ring de boxeo.

Este encontro é unha acción do Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e Tecnópole. Tras o éxito das dúas primeiras edicións, celebradas en 2015 e 2017, o evento de periodicidade bienal será de novo punto de encontro para empresas demandantes ou ofertantes de produtos, servizos ou tecnoloxía nos tres sectores de referencia, institucións con intereses neles e clústers, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos con actividade nestes ámbitos, co obxectivo principal de xerar sinerxías entre todas as partes.

O Agrobiotech Innovation Fest está deseñado para xerar novas oportunidades de negocio a través da captación de clientes; o contacto con novos provedores; a apertura de novos mercados; a identificación de socios comerciais, financeiros ou industriais; e o acceso a información sobre as prioridades e necesidades da Administración galega.

"Combates" entre empresas de referencia

O evento desenvolverase a través dun completo programa que inclúe actividades dende as 9.30 ata as 19.30 horas.

Durante a mañá terán lugar tres mesas redondas deseñadas para favorecer o intercambio de coñecemento especializado sobre cuestións que representan retos de futuro para os sectores implicados. Nelas, abordaranse dende diferentes puntos de vista tendencias emerxentes que supoñen a apertura de novas oportunidades para as empresas, como son o desenvolvemento de alimentos innovadores, a biotecnoloxía fronte á innovación industrial e a economía circular.

A sesión da tarde centrarase nos combates dialécticos, nos que representantes de empresas en posicións de liderado nos tres sectores de referencia defenderán por parellas enfoques diferentes sobre temas de actualidade. Nova Pescanova, FINSA, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Cafés Candelas, Galchimia, Quescrem, Bialactis, Ecoplas, Qubiotech e Real Conservera Española enfrontaranse en cinco combates sobre a innovación na grande empresa versus na peme, o financiamento mediante capital risco contra o procedente de business angels, a internacionalización fronte á consolidación no mercado local, os produtos gourmet versus os alimentos funcionais e a I+D interna ou en colaboración entre empresas.

As empresas participantes no Programa Agrobiotech contarán cunha área de exposición para mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións durante todo o evento. Nesta iniciativa de aceleración de empresas participan 12 pemes galegas que dende o mes de maio están a recibir formación e asesoramento experto en catro ámbitos: excelencia operativa e innovación aberta, financiamento de proxectos a través do programa marco europeo Horizonte 2020, liderado de produto e comercialización e internacionalización. A empresa que realice a mellor presentación recibirá un premio na clausura do evento.

De xeito complementario, programarase unha axenda de reunións "one to one" para facilitar os contactos comerciais e de colaboración entre os participantes.

(Fonte: Tecnópole)