O Agrobiotech Fest reúne 250 axentes dos sectores da alimentación, da biotecnoloxía e da biomasa para compartir coñecemento e contactos comerciais

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Agrobiotech Fest reuniu 250 axentes dos sectores da alimentación, a biotecnoloxía e a biomasa no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole para compartir coñecemento e contactos comerciais.

Este evento bienal, que chegou á súa terceira edición cun formato totalmente renovado, enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de Tecnópole.

As novas tendencias protagonizaron as mesas sectoriais, nas que participaron empresas de referencia como Leche Pascual, CAPSA, Biochemize ou Grupo Natac. Polo que respecta á alimentación do futuro, definiuse con base a tres atributos: saudable, sostible e personalizada. Ademais, fíxose referencia aos nootrópicos, os cannabicos e os postbióticos como os produtos emerxentes dos que máis se oirá falar a curto prazo. Sobre as demandas dos consumidores actuais, apuntouse que lles importa o produto, pero tamén como se fai, cunha esixencia crecente a nivel de sostibilidade, respecto ao medio e aprovisionamento local. Polo que respecta aos envases, o consumidor premia que sexan biodegradables, reciclables e co mínimo compoñente de plástico.

A biotecnoloxía foi presentada como a tecnoloxía máis antiga coñecida polo ser humano, xunto coa metalurxia, aínda que a súa aplicación a nivel industrial é recente e será no futuro cando se despreguen as súas grandes potencialidades. A nivel empresarial, destacouse que as dinámicas de innovación aberta das multinacionais con startups son unha vía moi eficiente para levar ao mercado solucións novas con relativa rapidez.

Durante a mesa da biomasa incidiuse na súa importancia para avanzar cara á bioeconomía. Neste ámbito, presentouse o proxecto Valor Nature, no que o CIS Madeira colabora co CTAG, GAIN e o Pólo de Inovação em Engenharia de Polímeros para usar residuos forestais en composites para automóbil, mobiliario e arquitectura, naval e aeronáutica. Tamén se incidiu na potencialidade que as fibras da celulosa teñen no mercado da moda, que hoxe supón o 6,6% do total pero que aumentarán no futuro, polo que convén garantir a súa orixe para que sexa sostible.

Aceleración da innovación

Durante a apertura do evento, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que nas tres edicións do programa de aceleración de empresas Agrobiotech celebradas ata a data se apoiou a un total de 33 pemes galegas, 12 delas na deste ano.

Conde explicou que a aceleradora Agrobiotech é unha iniciativa estratéxica para a Xunta que permite impulsar a innovación, a comercialización e a internacionalización das pemes galegas en tres sectores claves para o tecido produtivo galego e para a provincia de Ourense como son o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa.

Grazas ao plan de traballo á medida das necesidades de cada empresa que ofrece o programa, as 21 iniciativas que participaron nas dúas edicións anteriores lograron posicionar máis de 50 novos produtos no mercado, rexistraron un aumento de facturación superior aos 6 millóns de euros e crearon máis de 70 novos empregos.

Este ano, no ámbito da agroalimentación participaron Dayrilac, Orballo, Hifas da Terra e Tastelab. Do sector biotecnolóxico, Cifga, AmsLab, Software 4 Science Developments, Nasasbiotech e Celtalga. Do ámbito da biomasa, Mosquera Villavidal, Horticultura Hidropónica e Ibérica de Esponjas Vegetales. Todas elas mostraron os seus produtos en stands ao longo da xornada. O control de calidade de produtos téxtiles, alimentarios e biomédicos; o descubrimento de fármacos; as novas abordaxes do cancro mediante a biopsia líquida; a obtención de biotoxinas e extractos de algas; o cultivo hidropónico de hortalizas; a fabricación de derivados lácteos de alto valor engadido; a produción de alimentos deshidratados; a tecnoloxía de intelixencia sensorial para a realización de catas; novos sistemas de control de calidade dos pellets; esponxas vexetais; e nutracéuticos obtidos de fungos cultivados sobre madeira protagonizaron os seus stands no evento.

A sesión da tarde centrouse nos combates dialécticos, nos que representantes de empresas en posicións de liderado defenderon por parellas enfoques diferentes sobre temas de actualidade. Nueva Pescanova, FINSA, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Cafés Candelas, Galchimia, Quescrem, Bialactis, Ecoplas, Qubiotech e Real Conservera Española enfrontáronse en cinco combates sobre a innovación na grande empresa versus na peme, o financiamento mediante capital risco contra a procedente de business angels, a internacionalización fronte á consolidación no mercado local, os produtos gourmet versus os alimentos funcionais e a I+D interna ou en colaboración entre empresas.

(Fonte: Tecnópole)