A aeronáutica prevé un aumento de pedidos este ano en Galicia

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) prevé que este 2022 será o ano da “recuperación” do sector, despois de que no exercicio pasado as compañías reducisen a súa facturación, pero tratando de manter os postos de traballo. O seu presidente, Enrique Mallón, explicou que as empresas galegas esperan un importante aumento dos pedidos ante o incremento dos desprazamentos internacionais.

Este auxe dos encargos pode ser de tal calado que contemplan que “cando teñamos que recuperar ese nivel de produción imos ter problemas para poder dar resposta a todos”. Trátase dunha situación propiciada tamén polo feito de que a chegada da pandemia “golpeou as estruturas das empresas”. Con todo, Mallón indicou que non se trata dunha situación exclusiva da industria galega, senón que afecta tamén a España e ao conxunto de Europa.

A pesar de todo, Mallón trasladou a “tremenda ilusión” coa que a aeronáutica ve o 2022, porque “nada vai ir a peor” no relativo á pandemia, o que axudará a que o sector se recupere. Tamén puxo o foco nos retos que afrontará no futuro, do mesmo xeito que outras industrias, como a falta de materias primas, o aumento dos custos loxísticos e de produción e o incremento do prezo da enerxía, o cal definiu como un “atranco moi importante”.

Outro dos principais retos do sector é atopar persoal cualificado. Neste sentido, o consorcio busca tratar de incrementar os 1.250 empregos directos, que se suman a outros 400 postos de traballo indirectos, que xera a industria aeronáutica e aeroespacial a través de máis de 40 empresas.

Mallón tamén falou dos fondos europeos que o sector recibirá, xa que se lanzará un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) específico. Con todo, recoñeceu que Galicia non será unha das comunidades que máis diñeiro reciba porque o sector “ten a dimensión que ten”, pero asegurou que axudarán a aumentar os investimentos en innovación e coñecemento.

Fonte: Atlántico Diario