Aerocámaras crea o dron híbrido con máis autonomía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Catro horas de voo e unha tecnoloxía punteira "que revolucionará un sector en auxe". Así é o dron con maior autonomía do mundo que chega da man da empresa Aerocámaras, con sede en Tecnópole. A aeronave non tripulada conta cun motor híbrido -desenvolvido con enxeñería galega e norteamericana- que combina electricidade e gasolina.

A súa creación foi "todo un éxito", tal como explica Jaime Pereira, xerente da compañía, que non oculta a súa satisfacción ante "un fito que marcará un antes e un despois nun sector limitado por uns tempos de voo escasos".

"O desenvolvemento e comercialización do dron híbrido marca un punto de inflexión, supón un salto cualitativo tanto para os servizos profesionais como para o desenvolvemento en xeral do sector", explica Pereira.

O artefacto foi desenvolvido pola empresa que dirixe e conta cun sistema único capaz de trasladar ata cinco quilogramos de peso durante dúas horas e media e de voar catro horas sen carga. Tras un ano de estudo e desenvolvemento xunto a enxeñeiros estadounidenses, a aeronave superou con éxito numerosas horas de voo e está preparada para a súa comercialización, prevista para o próximo mes.

Aerocámaras aposta polo desenvolvemento propio de drons despois de consolidarse no mercado da formación de pilotos como a empresa con maior número de alumnos (máis de 2.000) de España. Dende a compañía consideran que é "vital" superar as barreiras para profesionalizar aínda máis o voo non tripulado.

"Á hora de facer actuacións de emerxencias, rescates ou inspeccións en sectores como electricidade, topografía ou agricultura é imprescindible contar coa maior autonomía de voo posible -explica Pereira-. Isto permitiría desprazamentos máis longos en canto a distancia e afinar aínda máis os estudos".

Problemas de autonomía

Hai un par de anos, Aerocámaras comprobou que existía un problema coas baterías e a autonomía dos drons. "Imaxínate buscar unha persoa ou un barco con quince minutos de autonomía, a penas es capaz de peitear unha área", subliña o empresario. O proxecto foi collendo forma e a empresa buscou partners, que finalmente acabaron sendo enxeñeiros americanos, para construír un dron completo que ofrecese fiabilidade.

Tras un ano de proba, desenvolvemento de motores e traballos enfocados a alixeirar peso, medidas axeitadas e estabilizar a nave, Aerocámaras conseguiu desenvolver o produto e testalo con diferentes sensores para que o dron poida especializarse en subsectores como agricultura de precisión, emerxencias, rescate acuático, transporte de mercadorías, focos de incendios, seguridade, topografía ou localización e busca de desaparecidos, furtivos ou bancos de pesca. As probas foron realizadas no Pazo de Vilamarín, cedido pola Deputación de Ourense, onde ten lugar a formación de pilotos.

A empresa xa realiza servizos profesionais enfocados a emerxencias, agricultura de precisión ou inspeccións técnicas, sendo a primeira do mundo en obter datos nun mesmo voo con cámara HD, térmica e sensor ultravioleta.

O desenvolvemento do híbrido supón unha mellora no que a complementos se refire, xa que se reduce o custo dedicado a baterías e cargadores, ademais do esforzo que leva consigo o seu transporte. A lexislación actual só permite moverse a 500 metros do dron, pero co cambio de lei -previsto para este outono-, poderanse facer desprazamentos "a 50 quilómetros de distancia para realizar servizos de todo tipo, como roldas de vixilancia, inspeccións, transporte ou localización terrestre e marítima, entre outras materias", expón Pereira.

(Fonte: Faro de Vigo)