Adif loita contra o cambio climático con 23 proxectos acabados de financiar

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Un total de 23 proxectos de Adif e Adif Alta Velocidad, dedicados completamente a desenvolvementos sustentables, conseguiron a totalidade das axudas solicitadas ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Estas iniciativas teñen como obxectivo, segundo Adif, "reforzar a contribución do ferrocarril á loita contra o cambio climático mediante a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro". Así, o investimento global supón uns 18,6 millóns de euros; o importe total das axudas do IDEA ascende a 5,2 millóns, un 28% do investimento global.

Dende Adif aseguran que os 23 proxectos conseguirían unha redución de ao redor de 28.000 toneladas de CO2, "o que correspondería aproximadamente ás emisións que evita un bosque dunha extensión duns 1000 campos de fútbol". Por outro lado, dende o punto de vista económico aforraríanse case nove millóns de euros ao ano.

A partir da concesión destas axudas, Adif e Adif Alta Velocidad disporán dun total de 30 meses para a execución dos proxectos, tras os cales se deberán xustificar, no prazo dun mes, os aforros enerxéticos definidos inicialmente para poder acceder finalmente á axuda do programa.

Os proxectos de Adif e Adif Alta Velocidad

IDAE conta con cinco tipoloxías para financiar proxectos; os proxectos de Adif e Adif Alta Velocidad englóbanse en catro das cinco. En primeiro lugar, en ‘Mellora da eficiencia enerxética mediante o freado rexenerativo de trens’, os proxectos consisten na instalación dun convertedor recuperador -serían 12 subestacións da rede convencional- que permita a devolución da enerxía obtida do freado rexenerativo dos trens á rede de distribución eléctrica. Grazas a isto, poderíase recuperar a enerxía que xeran os trens que circulan pola rede convencional ao realizar operacións de freado.

Por outro lado, en ‘Estratexias de aforro enerxético na operación do tráfico ferroviario’, atópase a posta en marcha dunha rede intelixente de enerxía en sete liñas da rede de alta velocidade. Este sistema baséase no deseño, parametrización e programación de marchas e consignas para a condución eficiente nas liñas de alta velocidade en explotación. En terceiro lugar ('Mellora da eficiencia enerxética en iluminación exterior e sinalización'), enmárcanse as actuacións para a optimización da iluminación de plataformas nas estacións de Barcelona Sants e Sevilla Santa Xusta, mediante a substitución de luminarias por outras de baixo consumo e a adecuación da iluminación aos niveis, tempos e espazos mínimos esixibles.

Por último, como o seu propio nome indican, obtiveron financiamento en 'Mellora da eficiencia enerxética en edificios ferroviarios, mediante a rehabilitación integral e reforma do sistema de climatización e ventilación' en dous edificios de oficinas de Adif.

(Fonte: Innovaspain)